
A alcaldesa de Lousame e o presidente da Deputación Provincial asinarán en outubro un convenio de colaboración
O Concello de Lousame vén de conseguir unha subvención nominativa da Deputación da Coruña por case 205.000 euros para a renovación da superficie do campo de herba artificial de Cabanetán, na parroquia de Lesende. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, reuniuse co deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, para confirmar a correcta recepción de toda a documentación necesaria, incluído o proxecto da obra encargado polo Concello de Lousame e no que investiu 5.167 euros.
“Agora toca que os técnicos revisen o proxecto e toda a documentación presentada, polo que agardamos poder asinar o convenio de colaboración co presidente da Deputación da Coruña a finais do vindeiro mes de outubro”, explica Teresa Villaverde, quen aproveitou o encontro para trasladar o seu agradecemento á institución provincial pola súa colaboración. Unha boa nova para o deporte lousamiá que a alcaldesa tamén lle fixo chegar aos responsables do Lesende CF.
Mal estado do terreo
Tras dezaoito anos en servizo, o céspede sintético do campo lousamiá presenta un acusado desgaste e, a pesar dos distintos mantementos realizados, chegou á fin da súa vida útil. Ante as reclamacións realizadas dende o Lesende CF polo mal estado do terreo de xogo, a alcaldesa de Lousame ofreceulles a posibilidade de utilizar o campo municipal da Silva, algo que non foi aceptado.
Acto seguido, o Concello de Lousame encargou a realización dun proxecto de renovación do céspede artificial do campo de Cabanetán, que definiu o tipo de céspede preciso e as obras a acometer, cun orzamento superior aos 200.000 euros. Unha cantidade inasumible en solitario para as arcas municipais, o que motivou que Villaverde Pais mantivera contactos coas diferentes administracións en busca do financiamento necesario. Unha busca que culminou, un ano despois, coa confirmación da concesión desta subvención nominativa.
Deste xeito, a Deputación da Coruña dá resposta ao acordo alcanzado polos tres grupos municipais do Concello de Lousame (PP, PSOE e BNG), que na sesión ordinaria de marzo acordaron por unanimidade dirixir á institución provincial a petición dunha subvención nominativa para a renovación do céspede do campo de fútbol de Cabanetán.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.