Wednesday 23 de July de 2025

Neda licita por máis de 75.000 euros a substitución de todas as ventás da Casa da Cultura


O Concello de Neda dá un novo paso na posta a punto da Casa da Cultura. A administración local vén de sacar a contratación a substitución da totalidade das fiestras do edificio, coa única excepción do salón de actos, renovadas a comezos de ano. A medida suporá unha mellora da eficiencia enerxética do conxunto do inmoble.

O edificio, que acolle os principais servizos culturais do municipio (arquivo, biblioteca, salón de actos), será obxecto dunha intervención máis que necesaria. Boa parte das dependencias (soto e tres andares sobre rasante) conserva boa parte das ventás orixinais, colocadas no ano 1960. E nin esas fiestras, nin as instaladas na fachada principal con posterioridade ofrecen un axeitado comportamento térmico e acústico.

A administración local destinará un máximo de 75.725 euros (IVE incluído) do POS 2025, que financia a Deputación da Coruña, á instalación de novas carpinterías exteriores (25 ventás de distintos tamaños, e tres portas), realizadas en PVC, e con “acristalamento con vidros laminares e baixo emisivos”. Un cambio destinado a ofrecer un maior grao de confort térmico e acústico e aforrar no consumo eléctrico preciso para quentar e para arrefriar estas concorridas instalacións.

Búscase ao tempo unha actualización estética e a mellora da seguridade en caso de incendios. Con este obxectivo, eliminaranse as rexas nas carpinterías do baixo, nas que se instalarán vidros laminares anti-intrusión.

As empresas que queiran facerse coa obra teñen ata o 1 de agosto para presentar as súas ofertas. Os pregos do contrato poden consultarse no perfil de contratante do Concello de Neda.

Deja un comentario