Wednesday 23 de July de 2025

O Obradoiro de Emprego “A Laracha IX” actúa no paseo fluvial do Anllóns


Realizan a limpeza da pasarela de madeira e a renovación das táboas deterioradas.

O alumnado da especialidade de carpintería de madeira e moble do obradoiro de emprego “A Laracha IX” recibiu hoxe a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e do tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito. Os representantes municipais acudiron ao paseo fluvial do Anllóns xunto á directora do obradoiro e o mestre da especialidade para interesarse polos traballos que se están a levar a cabo nesa infraestrutura a través deste programa dual de formación e emprego que desenvolven o Concello e a Xunta de Galicia.

As intervencións consisten na limpeza manual da pasarela de madeira e a renovación das táboas deterioradas ao longo dos case 2,5 km de distancia entre Gabenlle e a ponte do Formigueiro. Durante as próximas semanas nas que se van continuar realizando os traballos haberá cortes puntuais no acceso a determinados tramos, que se sinalizarán adecuadamente para minimizar as molestias á veciñanza e ás persoas usuarias deste espazo.

Esta mesma especialidade de carpintería e moble xa levara a cabo outras actuación como a construción da nova caseta do servizo de salvamento e socorrismo da praia de Caión, que se puxo en funcionamento no inicio da temporada estival, e tamén renovaron o mobiliario urbano en varios puntos do municipio.

O obradoiro de emprego “A Laracha IX” tamén conta coa especialidade de pintura industrial en construción. En total entre ambos grupos suman 20 alumnos traballadores, que reciben formación teórica e práctica durante todo o programa que lles permite adquirir experiencia laboral mentres melloran a súa cualificación profesional. O orzamento global supera os 541.000 euros, ademais dos 18.000 euros que se destinarán adicionalmente para incentivar a contratación do alumnado por parte de empresas privadas a partir do 1 de setembro, cando remate a súa formación.

Deja un comentario