
A separación dos edificios que se constrúan de agora en diante ao longo da Avenida das Mariñas (N-VI) pasará a ser de 12 metros ao longo de todo o percorrido, acabando así coa arbitrariedade que se viña aplicando desde o Ministerio de Transportes, propietario da vía, e que nalgúns casos facía chegar aos 50 metros de separación.
Tralas xestións realizadas polo alcalde e diversas reunións entre o persoal técnico do Concello e da Demarcación de Estradas, o Ministerio realizará en 6 meses un estudo pormenorizado para establecer os 12 metros de separación en todo o percorrido. O 80% desta superficie está declarada como solo urbano.
A dirección de Estradas do Estado xa tiña informado positivamente desta distancia cando tiveron que dar luz verde ao Plan Xeral de Oleiros, pero as nova normativa do Estado impedía aplicar esta medida a numerosas construcións de Iñás e O Carballo, o que de facto prohibía construír nun gran número de solares.
A avenida das Mariñas é unha vía basicamente urbana. Aínda que forme parte da rede principal do Estado, é tamén a principal avenida da área Metropolitana da Coruña. Nas últimas décadas, grazas á presión municipal, realizáronse múltiples obras de permeabilización entre as dúas marxes para facilitar a mobilidade de proximidade, a circulación peonil e reduciuse a velocidade a 50 km/h en case todo o seu trazado.
O seu futuro a medio e longo prazo pasa por converterse nunha gran avenida urbana, especialmente cando a Xunta remate a vía Ártabra e realice o bypass entre O Seixal e o acceso á autoestrada, que pode asumir boa parte do tránsito actual. Nas avenidas urbanas non son necesarias distancias de 50 metros ata os edificios.
En canto á mobilidade alternativa, o Concello foi habilitando vías paralelas para a circulación ciclista e peonil tanto á beira do mar grazas aos paseos da ría, como coa recente entrada en servizo do vial ciclopeonil do Rego de San Pedro, que cubre os 4 km que separan O Seixal de Iñás, permitindo circular de xeito seguro a pé ou en bici por todo o sur municipal.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.