
A continuidade da Escola de Música é unha responsabilidade institucional e un deber coa veciñanza
A Escola de Música Sementeira, cunha traxectoria de máis de 40 anos, está en risco de desaparición pola falta de pagamento dos convenios municipais. O Goberno de Cambre non pode permitirse pechar escolas que son esenciais para a formación e a convivencia.
A información coñecida estes días sobre a falta de pago dos fondos comprometidos no convenio municipal, que constitúen a principal fonte de financiamento da escola, é inadmisible. Esta situación pon en risco o traballo de 14 profesionais, a formación de máis de 200 alumnos e alumnas e a continuidade dunha escola que é un orgullo para todas e todos os veciños de Cambre.
A situación que atravesa Sementeira, coa principal partida económica bloqueada e os seus traballadores e alumnado nunha incerteza inxusta, é unha consecuencia máis da parálise e da confrontación política no Concello.
É necesario e urxente regularizar a situación económica que está afectando aos servizos, ás agrupacións culturais, educativas e deportivas do municipio. Cambre dispón de recursos económicos suficientes e debe investilos nas demandas e necesidades reais da veciñanza, en lugar de deixarse levar por políticas partidistas.
Desde Alternativa dos Veciños temos a man tendida para colaborar e acordar as medidas necesarias e esiximos que todos os grupos políticos se senten a resolver esta situación. Sementeira non pode pechar; garantir a súa continuidade é unha obriga institucional e un compromiso con toda a veciñanza.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.