Tuesday 22 de July de 2025

Volta de Gloria afiánzase na Costa da Morte e estrea a súa sinalización definitiva nos municipios de Carnota e Cee


Este itinerario cultural e paisaxístico que conecta dúas rutas xacobeas traballa nos primeiros elementos para a súa promoción: un folleto turístico e unha páxina web, que verán a luz en breve

A Volta de Gloria, o primeiro itinerario cultural e paisaxístico circular que conecta dúas rutas xacobeas (o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia), sigue dando pasos firmes para o seu afianzamento como unha das opcións turísticas máis interesantes para este período estival en Galicia. Nestes días, veñen de rematarse os traballos de sinalización definitiva da Volta de Gloria, ao seu paso polos municipios de Carnota e Cee.

Unha sinalización composta por postes de madeira coa imaxe de Volta de Gloria, unha frecha azul para indicar a ruta a seguir polo camiñante e tamén unha referencia da distancia en quilómetros ás localidades máis relevantes deste percorrido. Un itinerario delimitado en base ao traballo de Antón Pombo, José Antonio de la Riera e Segundo Saavedra, tres profesionais de recoñecida traxectoria e experiencia en materia turística e cultural.

O percorrido de Volta de Gloria coincide co proxecto de Senda Litoral de Galicia, que promove a Xunta de Galicia, o que supón unha importante vantaxe tanto na racionalización da utilización de recursos públicos como na minoración do impacto ambiental que suporía un dobre itinerario. “O resultado é unha ruta ao bordo do mar por un dos tramos máis impactantes e mellor conservados do litoral peninsular, con paisaxes icónicas e atractivos naturais, sinalizada con frechas azuis, e non amarelas, xa que sigue o seu leitmotiv, que é o mar”, explica Antón Pombo, historiador, escritor, xornalista e un dos maiores expertos nos Camiños de Santiago.

Un punto no que coincide José de la Riera, para quen Volta de Gloria é “un regalo etnográfico, lendario e paisaxístico, un auténtico premio ao final da fin de todos os Camiños de Europa”. Escritor, investigador e membro fundador de distintas entidades como a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago ou a Asociación Vía Mariana, José de la Riera explica que “Volta de Gloria é un itinerario mítico que enlaza montes sacros xunto ao océano infinito. O Faro de Fisterra, o Olimpo Celta do Monte Pindo, o Monte Louro.. un itinerario para aventureiros, buscadores, desfrutóns e, sobre todo, xente sen presa, desas que foxen do Camiño menú do día e descobren como a apenas cincuenta metros da súa ruta poden atopar tesouros milenarios”.

Promoción do itinerario

O seguinte paso a dar por Volta de Gloria está vencellado á súa promoción. Para iso estase perfilando un folleto informativo que recolla o itinerario sinalizado e tamén se traballa na posta a punto dunha páxina web, que recollerá todos os atractivos naturais, históricos, gastronómicos e patrimoniais que se poden desfrutar entre Cee e Muros. Dúas iniciativas que verán a luz proximamente.

A Volta de Gloria discorre por impresionantes monumentos naturais, entre os que figuran dous dos montes máis míticos de Galicia: o Monte Pindo, coñecido como o “Olimpo Celta”, e o Monte Louro, que conforma un espectacular conxunto natural coa lagoa das Xalfas e a praia de Area Maior. Canda eles figuran moitos atractivos turísticos como a fervenza do Ézaro en Dumbría, a única de Europa que verte directamente ao mar; ou a praia máis longa de Galicia, emprazada en Carnota canda algúns dos hórreos máis grandes da comunidade.

Un percorrido entre Cee e Muros sinalizado grazas á financiación do GALP Costa Sostible e que é rico tamén en pegadas arqueolóxicas (petróglifos, mámoas, castros), paisaxes espectaculares e enclaves singulares, como a Caseta de Pepe do Cuco de Carnota, o primeiro museo automatizado de Galicia con acceso libre 24 horas ao día todos os días do ano que recolle a historia mariñeira do municipio. Trátase dun produto turístico que non é exclusivo para peregrinos, senón que está aberto tamén a sendeiristas, ciclistas ou xente que faga o percorrido nas fins de semana. “Xente con liberdade, curiosidade, inquietude e espírito de busca, que non se deixan levar como fardos. Un premio para buscadores e aventureiros ao final de todos os camiños de Europa”, conclúe José de la Riera.

Deja un comentario