Tuesday 22 de July de 2025

Iria Folgado Dopico inicia este venres na casa a xira “Ecos Tour”


O venres 25 de xullo, Día de Galicia, a nosa veciña Iria Folgado Dopico presentará en San Sadurniño o seu primeiro disco, titulado Ecos de Breogán. Este traballo é unha travesía polo repertorio de música de cámara para óboe composto nas illas británicas no primeiro terzo do século XX por Benjamin Britten, Ralph Vaughan Williams, Arnold Bax e pola compositora Elizabeth Maconchy, xunto á creación contemporánea do galego Fernando Buide del Real. Folgado Dopico non só presentará o disco na casa, senón que tamén iniciará a xira Ecos Tour, que a levará por varios escenarios de Galicia e España. O concerto deste venres 25 de xullo en San Sadurniño terá lugar nos xardíns municipais -se chovese, na Casa da Cultura- a partir das 12:00h.

En Ecos de Breogán, Iria Folgado lidera unha formación de cámara integrada polas violinistas Raquel Areal e Sara Areal, xunto a viola de Héctor Cámara e o violonchelo de Iago Domínguez. Vento e cordas que nos traen ecos melódicos do norte, sons cos que compartimos a mesma raíz milenaria e que precisamente por iso nos resultan tan familiares.

A intérprete recibiu hai uns meses en Madrid o premio +Músicas á mellor gravación de música clásica. Un recoñecemento ao seu talento, que xa fora recoñecido en 2023 co premio Talento Mozo Galicia que outorga a Xunta na modalidade de cultura e creación. Un talento do que tamén poderemos gozar aquí, na súa casa, nunha data tan importante e sinalada como é o 25 de Xullo, Día da Matria.

Iria Folgado Dopico é filla de Pilar e Pascual, quen rexentan o Supermercado Outeiro. Naceu en 1996 e, animada por unha das súas mestras no CPI, aos nove anos presentouse ás probas de acceso do Conservatorio Profesional de Música “Xan Viaño” de Ferrol. Alí viuse abocada, por descarte, a elixir o óboe. E por sorte, como ela mesma asegurou nunha entrevista, a elección foi un acerto.

O seu mentor foi o primeiro óboe da Sinfónica de Galicia, Casey Hill, e seguindo o seu consello, con 18 anos marchou a Alemaña para cursar estudos superiores co profesor Dominik Wollenweber. Pouco despois logrou entrar na prestixiosa Karajan Akademie da Filarmónica de Berlín e a empezos de 2020 ganou a praza de oboísta e solista de corno inglés na Konzerthaus Orchester de Berlín.

Ecos de Breogán é o primeiro traballo discográfico da música do Outeiro. Un traballo xestado durante a súa residencia de dous anos -de 2021 a 2023- no festival Música no Claustro. A crítica especializada louvou Ecos de Breogán pola súa concepción e polo “rigor e riqueza expresiva” da súa interpretación. Na revista Melómano cualifican estes ecos como “música evocadora, para quen desexe atopar uns momentos de introspección e ensoñación”.

Poderemos gozar desta exquisiteza o venres 25 de xullo, Día de Galicia, a partir das 12:00h nos xardíns municipais. Se chove, o concerto trasladarase á Casa da Cultura. A cita será o arranque da xira Ecos Tour, integrada no programa AiEnRuta promovido pola AIE, a Entidade de xestión dos dereitos dos Artistas Intérpretes e Executantes da música.

Despois de botar a andar en San Sadurniño, Ecos Tour continuará en Cádiz o día 28 deste mes, en Ciudad Real o 6 de outubro, e en Campo de Criptana e Madrid os días 15 e 16 de novembro, respectivamente.

Deja un comentario