
A Praza dos Libros de Carballo fai historia neste 2025 cunha cifra excepcional de 2.500 libros vendidos. Despois de recompilar os datos das enquisas aos libreiros e as libreiras, as valoracións dos autores e autoras participantes e as impresións do público, chegou o momento de compartir con vós o balance desta última plic!, unha iniciativa da Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística que contou nesta 19ª edición coa colaboración da Fundación Luis Calvo Sanz e de Muebles Luis.
Os grandes obxectivos da Praza dos Libros son animar á lectura e fomentar a literatura galega. Obxectivos cumpridos, porque batemos un novo récord de vendas ao superar os 2.500 exemplares, 800 máis que o ano pasado, e o 60% en galego, outro dato excepcional que reforza a aposta do Concello de Carballo pola produción literaria no noso idioma.
Como é habitual, entre os títulos máis vendidos destacan os libros presentados na feira. Pero este sobresaen Nós estamos ben, non?, de Ramón Vilar Landeira, As tolas que non o eran, de Carmen V. Valiña, e Onde nacen as bestas, de Pedro Feijoo. As vendas en castelán destacaron pola variedade de títulos, sobre todo de literatura infantil e xuvenil e de novela, incluída a versión castelá do libro de Pedro Feijoo.
Ao éxito de vendas nas librarías participantes (Brañas Verdes, Espiral Maior Foro, Clarión, A gata tola, Á lus do candil, Espazo Lector Nobel, Teldy e Trasgo) súmase o de asistencia ás actividades programadas, moi variadas, que encheron os catro días da plic!, un aspecto que destacou tamén a concelleira Ángeles Pacoret. E todo en perfecta harmonía co mercado do xoves e a feira do domingo, que é un dos aspectos mellor valorados polos libreiros e libreiras pola visibilidade que supón e pola posibilidade de achegar a literatura a todos os públicos.
Ao longo dos catro días realizáronse unha trintena de actividades, incluído o pregón de Marilar Aleixandre. O xoves e o domingo, precisamente coincidindo coas feiras, foron os días de maior afluencia, como demostra o feito de que tanto as latas de atún Calvo do primeiro día coma os moletes de pan do último fosen insuficientes para saciar a fame de literatura do público, o mesmo que as tarxetas-rasca con premios directos, que se esgotaron todos os días.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.