
A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, vén de adxudicar o contrato de explotación, mantemento e conservación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Pobra do Caramiñal para os vindeiros dous anos por máis de 1,6 millóns de euros.
O contrato adxudicado abrangue os traballos de explotación e conservación das instalacións que forman parte do sistema de depuración para que cumpran os cometidos para os que foron deseñados en condicións óptimas de funcionamento, garantindo o mantemento e a conservación en perfecto estado de todas as instalacións.
Aínda que a prestación dos servizos de saneamento e abastecemento son unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten no marco dunha estratexia coa que busca ofrecer unha alternativa de xestión autonómica dos servizos da auga.
De feito, actualmente Augas de Galicia encárgase da explotación dun total de 28 estacións depuradoras de augas residuais no conxunto da comunidade.
Esta liña de colaboración viuse reforzada coa Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, aprobada no ano 2022 e que desenvolve ferramentas de apoio aos municipios en materia de depuración e saneamento ante as dificultades técnicas e financeiras que teñen algúns deles para asumilo, facilitando que este servizo se poida prestar directamente pola Xunta mediante un sistema de adhesión voluntario.
Ademais, o actual modelo de prestación de servizos autonómicos contribúe tamén a profesionalizar a xestión da auga, a garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e rías de Galicia e a mellorar a calidade duns servizos básicos para a cidadanía.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.