Friday 18 de July de 2025

As obras de pavimentación en Arnados manterán pechada ao tráfico a semana que vén a estrada de Sambade


O proxecto de pavimentación da estrada municipal que comunica Arnados con Sambade ao longo da costa non só inclúe o algomerado dos 4.675 metros de vía, senón tamén a pavimentación con cemento das rúas afectadas nos núcleos do Igrexario (Lema) e Arnados (Razo), seguindo o modelo que estamos a utilizar nos núcleos rurais tradicionais. No Igrexario xa están rematados os traballos, mentres que en Arnados están previstos para a semana que vén, polo que a vía de acceso desde Razo cara Lema estará cortada ao tráfico entre o luns e o venres.

As obras foron adxudicadas á empresa carballesa Vázquez y Reino por 542.593,78 euros. A actuación incluíu a ampliación do ancho da calzada onde foi posible, a limpeza de gabias, a drenaxe de pluviais e a capa de aglomerado en quente nunha superficie de 26.000 metros cadrados, ademais da pavimentación con cemento nos dous núcleos e unha senda peonil de 230 metros de lonxitude en Arnados, na marxe esquerda da vía. A sinalización horizontal e vertical completará o proxecto.

Este investimento súmase ao realizado nas obras de mellora interior do núcleo de Arnados, en concreto das rúas Méndez Núñez, Almirante Mourelle, Arroaces, Mar Mediterráneo, Mar Cantábrico e Océano Atlántico. En total, 7.200 metros cadrados, con diferentes tonalidades para as zonas destinadas ao tráfico rodado e ao peonil.

O proxecto, que acadou os 395.661,91 euros, tamén incluíu a renovación de canalizacións de distintos servizos urbanos, rede de iluminación en todo o ámbito, sinalización horizontal e vertical, mobiliario urbano e axardinamento con árbores.

Deja un comentario