Friday 18 de July de 2025

Míriam Louzao anuncia que a ordenaza sobre o imposto ás estadías turísticas inclúe unha disposición para que entre en vigor o 1 de outubro


A concelleira de Turismo explica que o texto da ordenanza que se presentará para a súa aprobación definitiva no Pleno ordinario de xullo inclúe dúas disposicións, unha que establece a entrada en vigor o 1 de outubro e outra sobre a substitución da comisión de seguimento polo Foro de Turismo Sustentable.

Míriam Louzao explicou que, de acordo cos informes dos departamentos de Tesouraría e de Turismo que dan resposta ás alegacións presentadas ao texto inicial da ordenanza, se aceptan parcialmente dúas alegacións, referidas á entrada en vigor da norma e a unha aclaración sobre o órgano de asesoramento e seguimento.

Así, engádese unha disposición derradeira única que establece que a ordenanza entrará en vigor o 1 de outubro de 2025. Esta modificación do texto dá resposta ás alegacións relacionadas coa xestión da recarga por parte dos aloxamentos no relativo á posibilidade de establecer un prazo entre a publicación da ordenanza e a súa entrada en vigor.

Tamén se inclúe unha disposición adicional única a respecto da substitución da comisión municipal de asesoramento e seguimento polo Foro de Turismo Sustentable, que indica que este futuro órgano municipal de participación turística será o que realizará as funcións de asesoramento e seguimento da implantación da recarga sobre o imposto autonómico ás estadías turística; que este órgano deberá contar, como mínimo, con representantes do concello, das empresas do sector e das asociacións de veciños; e que nun prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor desta norma se procederá á aprobación e publicación da ordenanza municipal que regule este Foro de Turismo Sustentable, así como a súa posta en funcionamento.

Míriam Louzao explicou que a introdución da disposición sobre a entrada en vigor da ordenanza “responde ás cuestións trasladadas durante o proceso de participación do sector, tendo en conta sobre todo os establecementos máis pequenos e que contan con menos medios materiais e humanos, para que poidan dispoñer dunha marxe de tempo prudencial para adaptar os seus procesos de xestión e introducir os axustes que precisen para facer efectivo o cobro desta recarga”.

A concelleira de Turismo lembrou que desde o seu departamento se mantivo un diálogo constante co sector desde o inicio do mandato a través dos representantes das asociacións, e que o proceso de participación se intensificou cunha “convocatoria máis ambiciosa” esta mesma semana incluíndo a todos os aloxamentos turísticos, a nivel individual, para dar cabida a aqueles que non están asociados e manter unha interlocución máis directa.

Míriam Louzao informou que estas dúas disposicións son as dúas principais incorporacións no texto da ordenanza que se vai levar para a súa aprobación definitiva no Pleno ordinario do mes de xullo, unha vez rematado o período de exposición pública en que se rexistraron alegacións de Unión de Consumidores de Galicia, Asociación de Hostelería e Turismo, Unión Hotelera e catro titulares de VUT’s.

Deja un comentario