Friday 18 de July de 2025

Inés Rey reivindica a importancia de apostar polo emprendemento no 25 aniversario da Fundación Ronsel


A alcaldesa puxo en valor a colaboración activa que leva a cabo o Concello coa entidade

A alcaldesa, Inés Rey, participou esta mañá no acto de celebración do 25 aniversario da Fundación Ronsel, entidade sen ánimo de lucro con sede e orixe na Coruña que traballa nas catro provincias galegas para fomentar a empregabilidade, o emprendemento e a responsabilidade social, especialmente entre a mocidade e as persoas vulnerables. A rexedora estivo acompañada pola concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas. Tamén participaron no acto o director xerente da Fundación Ronsel, Luis García, a responsable de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García, e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández.

“Nestes 25 anos, a Fundación non só abriu camiños cara ao emprego e ao emprendemento; abriu portas que estaban pechadas para moita xente e axudou a transformar incertezas en oportunidades, ideas en negocios, medos en confianza”, indicou Inés Rey durante a súa intervención. A alcaldesa amosou o compromiso do Concello por seguir colaborando activamente coa Fundación Ronsel a través dun convenio nominativo que permite á entidade desenvolver a súa actividade na cidade, onde está a súa sede.

Ademais, Inés Rey tamén destacou os importantes avances en materia de emprego levados a cabo polo seu Goberno municipal, destacando a implantación do programa Éfeso, que permitirá formar a 700 persoas desempregadas e continúa co labor da iniciativa municipal Coruña Suma, que xa conseguiu inserir no mercado laboral a máis de 1.130 persoas.
“O futuro que queremos para A Coruña e para Galicia pasa por seguir impulsando proxectos coma este e por iso desde o Concello reafirmamos hoxe o noso compromiso para continuar colaborando con Ronsel, para seguir promovendo políticas que poñan ás persoas no centro, que xeren oportunidades reais e que constrúan unha cidade máis xusta, máis inclusiva e máis humana”, indicou Inés Rey.

Deja un comentario