Friday 18 de July de 2025

O parque de Nirvana recibe o nome de Rafael Astor Casalderrey, enxeñeiro municipal e fillo adoptivo do Concello


Esta mañá tivo lugar no parque de Nirvana o acto en homenaxe a Rafael Astor Casalderrey, no que se descubriu unha placa conmemorativa en recoñecemento á destacada traxectoria profesional e humana ao servizo do Concello de Oleiros. Ao acto, presidido polo alcalde, Ángel García Seoane, asistiron membros da corporación municipal, representantes do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, compañeiros, familiares, amigos e veciños, que renderon homenaxe a este enxeñeiro que deixou pegada no urbanismo e medio ambiente do municipio durante máis de vinte anos de traballo.

Na súa intervención, o alcalde gabou a figura de Rafael Astor coma enxeñeiro, pola súa contribución decisiva ao desenvolvemento das políticas propostas polo Goberno municipal e coma persoa ilustre, con grande coñecemento das artes e gran defensor do medio ambiente.

Pola súa banda, Enrique Urcola, Decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, destacou a Rafael Astor coma un profesional con profunda honestidade e respecto polas persoas e o territorio. Lembrou tamén a súa humildade e sentido do humor, citando a súa frase «Eu non traballei en Oleiros, fixen que traballaba», que reflicte a súa paixón e dedicación silenciosa polo ben común.

Entre as súas actuacións máis destacadas atópase a recuperación das ruínas do Parque da Capela, a creación do Parque José Martí rehabilitando unha zona totalmente degradada, o parque da Lagoa de Mera aproveitando as travesas do ferrocarril para protexer a contorna natural, os paseos costeiros da Ría da Pasaxe e da Fábrica convertendo ruínas nun centro cultural, o Paseo e o Parque das Galeras, o coidado do paseo costeiro de Mera ou mesmo o balcón de Maianca…todas estas intervencións fan que Rafael Astor mereza con creces dar nome a un parque tan emblemático para Oleiros.

O legado de Rafael Astor Casalderrey está presente en cada recuncho deste Oleiros distinto, cheo de parques, sendas, paseos e espazos naturais pensados polo Goberno municipal para a veciñanza e coidadosamente integrados na súa contorna. Agora, o parque de Nirvana pasa a ser un espazo co seu nome.

Deja un comentario