Friday 18 de July de 2025

O curso de verán Traballando en lingua con inmigrantes puxo de manifesto a importancia da inmersión lingüística para acadar a integración


Carballo foi escenario esta semana do curso de verán da Universidade da Coruña (UDC) Traballando en lingua con inmigrantes, unha iniciativa centrada na dinamización lingüística en contextos de diversidade e inmigración coa que quixemos poñer en diálogo a realidade migratoria coa promoción da lingua galega como ferramenta de inclusión, cohesión social e exercicio de dereitos.
O encontro formativo contou cunha alta participacifón de profesionais do ámbito educativo, social, cultural e lingüístico, así como estudantes, persoal dos servizos de normalización lingüística e representantes de entidades que traballan directamente coa poboación inmigrante.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, participou na benvida xunto con Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, e Cristina López, vicerreitora de Igualdade da UDC, e insistiu en que é necesario “facer o posible” para que a poboación migrante se integre en galego”.
O curso contou, como relatores e relatores, con Renée DePalma, Marta Besada, Uxía Verdía, Daniel Peñaloza, Tina Formoso, Sofía Tarela, Marcos Loureiro, Alicia Padín, Mónica Reixía, Arcadio González, Alberto Pombo, Rosa Suárez, Roberto Pascual, Daniel Bóveda, Luz Zas e Marta Estévez (docentes, persoal técnico dos SNL, alumnado migrante, voluntariado e persoal doutras entidades).
Nas distintas sesións presentáronse iniciativas como o proxecto TeCoLing (Tecendo comunidades coas linguas) da USC, no que participa o Concello de Carballo, ou estratexias pedagóxicas como os obradoiros de acollemento lingüístico, o proxecto Elos ou Rompendo barreiras, que tamén se desenvolven no noso concello, entre outros.
Problemas e solucións
Ademais abordáronse contidos como a falta de dispoñibilidade da lingua galega no ensino, que non debería depender das enquisas das familias, ou a cordialidade lingüística como impedimento de aprendizaxe, a falta de espazos de micro-inmersión, o impedimento de aprendizaxe do alumnado por estar exento de lingua galega…
Como solucións recomendáronse espertar o interese nos idiomas establecendo vínculos entre eles, explorar como algunhas linguas adquiren máis ou menos prestixio, valorar a competencia plurilingüe, pedirlle responsabilidade á Administración de modo que non se culpe o profesorado, as familias, a cidadanía…; recoñecer que na inclusión hai que valorar outros aspectos que non son lingüísticos como a relixión, a sexualidade, a adolescencia…; apreciar a diversidade lingüística dentro da aula; ofrecer un folleto informativo sobre a situación lingüística no momento en que chegan á comunidade; establecer protocolos de acollida; dispor de recursos para adquirir novas linguas; posuír un sistema de alfabetización de adultos… entre outras.
Non faltaron explicacións sobre campañas como Aquí tamén se fala! ou Fai un trato co galego! que pretenden apoderar a lingua galega en espazos prestixiados como o as persoas que participaron deporte ou a música.
Ao final, ás persoas oíntes quedoulles claro que a comunidade inmigrante ten unha sensibilidade especial cara ás linguas minorizadas, como é o caso do galego, porque proceden de lugares onde se falan varias linguas, algunhas delas en situación de desigualdade; e que estas persoas non poden considerarse responsables da desgaleguización que sufrimos neste momento, tal como defenden algúns poderes públicos.
Para rematar, Sole Felloza, co seu bo contar, propuxo unha campaña de amor en galego, que provoque o namoramento tal como lle pasou a ela cando chegou de Uruguai e que promova o orgullo e o cariño pola lingua, que “hai que vestila de festa e levala a bailar”.

Deja un comentario