
As explicacións corren a cargo das traballadoras da Asociación Mar da Pobra, que fan unha explicación teórica e práctica do seu traballo.
As seguintes propostas terán lugar o mércores, 23 de xullo, e o xoves, día 31.
O marisqueo tradicional é, sen dúbida, unha das actividades económicas máis importantes da Pobra. E é tamén o fío condutor dunha das actividades imperdibles na programación turística estival. Da man das mariscadoras da Asociación Mar da Pobra, as persoas que participan nesta actividade teñen a oportunidade de coñecer, de xeito teórico e práctico, este oficio tradicional. O Concello ten aberto o prazo de inscrición das próximas propostas, que se celebrarán o mércores, 23 de xullo (na praia de Raposiños), e o xoves, día 31 (en Areos).
A concelleira de Turismo, Estefanía Ramos, sinala que se trata dunha “experiencia inmersiva coa que se busca poñer en valor este oficio con tanta tradición e historia na Pobra e ofrecer, ademais, unha alternativa diferente aos visitantes”.
Teoría e práctica
O punto de encontro é a Casa Mariñeira e desde alí, o grupo sae cara ao areal, onde as traballadoras realizan os labores de marisqueo a pé. Grazas ás súas explicacións, os e as turistas poden descubrir en que consiste este traballo, como é a xornada laboral destas mulleres e aprenden, ademais, a identificar entre as distintas especies que recolectan. A experiencia vai máis aló da teoría, xa que as persoas participantes teñen a ocasión de empregar os distintos utensilios de marisqueo como o rastro e o sacho.
Estas sesións están englobadas dentro do programa municipal de turismo mariñeiro. Ademais de en xullo, as actividades de marisqueo a pé celebraranse os xoves 7, 14, 21 e o venres, 29 de agosto.
As persoas interesadas en anotarse poderán facelo na Casa Mariñeira (parque do Castelo) ou no correo turismo@apobra.gal. Así mesmo, poderán solicitar máis información nos teléfonos 671 090 262, no 687 482 835 ou no 981 843 280 (extensión 2035).
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.