Friday 18 de July de 2025

A rúa Ambrosio Feijoo reabrirá ao tráfico este luns, dando continuidade á folla de ruta prevista no contexto da remodelación dos Cantóns


A alcaldesa, Inés Rey, valorou positivamente o bo ritmo que seguen os traballos, cumprindo o calendario previsto

A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que o Concello reabrirá ao tráfico a rúa Ambrosio Feijoo o vindeiro luns, onde xa remataron os traballos de demolición do antigo pavimento, que será substituído por un novo firme de formigón.

Desta forma, e toda vez se complete esta actuación, o luns poderán circular os vehículos a través de Ambrosio Feijoo para acceder ao Palexco e tamén ao seu parking. “Estes traballos forman parte da nosa folla de ruta para remodelar os Cantóns, que sigue a bo ritmo e cumprindo o calendario previsto”, precisou a rexedora.

En paralelo, o Concello tamén iniciou as tarefas previas ao futuro trasplante do metrosider do Cantón Grande, situado a carón da rampla de saída do aparcadoiro. É nesta zona onde, no contexto dos traballos, se prevé habilitar o novo ascensor co que se mellorará a accesibilidade ao parking, “ascensor que ata agora non existía e que entendemos fundamental para garantir o acceso de persoas con mobilidade reducida ou os carriños das crianzas”, razoou a alcaldesa.

Por iso, a previsión do Concello é trasladar este exemplar de metrosidero a unha ubicación o máis próxima posible á actual, na que conte cun substrato no que poda desenvolverse sen compromisos no subsolo. O obxectivo é salientar o valor da árbore dándolle un emprazamento rodeable, no que a copa do metrosidero recupere tamén a súa simetría.

A parada de autobús de Entrexardíns estará, no futuro, na rúa Alcalde Manuel Casás

Tamén esta mañá, Inés Rey recalcou que a parada de autobuses situada actualmente en Entrexardíns, que dá servizo ás liñas de transporte interurbano, levarase posteriormente á rúa Alcalde Manuel Casás, entre o Teatro Colón e Correos.

Neste sentido, o Concello está a completar detalles na beirarrúa recentemente reurbanizada entre o Colón e Entrexardíns, onde previamente se renovaron as novas redes de saneamento, alumeado e o cableado do sistema semafórico.
Dado que Entrexardíns se peonalizará para unificar as dúas partes dos xardíns de Méndez Núñez e, de paso, convertilo na porta de acceso aos peiraos, a parada de autobús trasladarase no futuro a Alcalde Manuel Casás.
“De todo isto informaremos chegado o momento, coa antelación necesaria, como vimos facendo con todas as actuacións que supoñen cambios sustanciais en termos de transporte e mobilidade”, subliñou Rey.

Deja un comentario