Saturday 19 de July de 2025

A Xunta impulsa un total de 131 obras por máis de 44M€ en centros educativos da provincia da Coruña


Avanzarase na execución en distintas fases de 31 grandes intervencións, que inclúen ampliacións de colexios e institutos e rehabilitacións integrais

Tamén se aproveitan as vacacións estivais para realizar 100 obras de menor tamaño “pero igualmente importantes para o funcionamento dos centros”, sinala o conselleiro

A Xunta de Galicia está a acometer este ano 131 actuacións en centros educativos da provincia da Coruña cun investimento total de 44M€, segundo avanzou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, nunha visita ao Instituto Eduardo Pondal, en Santiago, onde o seu departamento vén de supervisar a ampliación do centro, co fin de adaptalo ás novas necesidades educativas derivadas ao crecemento demográfico da zona.

Na visita, na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o titular de Educación explicou que nesta provincia se avanza na execución de 31 grandes intervencións (que inclúen ampliacións de colexios e institutos e rehabilitacións integrais) e, a maiores, como todos os anos, aproveitase o período estival para intensificar outras 100 melloras de menor tamaño de pequenas reparacións.

Así pois, no apartado de grandes obras, que xa están en execución e que continuarán ao longo dos vindeiros meses, a Xunta impulsa 31 que suman case 43M€. Delas, cómpre destacar catro actuacións cun importe de case 20M€, como é a construción do no Colexio no Milladoiro (que absorbe un investimento de 12M€), a ampliación do Colexio Público Integrado As Mirandas en Ares (3M€) e tamén a rehabilitación integral do Centro Integrado de FP Ánxel Casal-Monte Alto (preto de 2,5M€). Así mesmo, tamén se vai levar a cabo a ampliación do Instituto IES de Pastoriza (Arteixo), cuxo investimento é de 2M€.

No que atinxe a obras de pequena envergadura, pero “moi necesarias para o funcionamento do día a día dos centros”, segundo puntualizou o conselleiro, no marco do Plan de benestar e accesibilidade na escola (Plan BEN_Estar 2025), nesta provincia concentraranse ao longo todo o verán un total 100 actuacións por un importe de case de 1.165.000€, que se reparten en colexios e institutos de 79 concellos da provincia.

 

Neste apartado englóbanse actuacións como reparacións varias, traballos de pintura, pequenas reformas da instalación eléctrica, de fontanería, saneamento e baños ou calefacción. Tamén melloras en patios, cambios puntuais de fiestras, portas ou lucernarios, renovación de equipamento de cociña ou adaptación de espazos, entre outros.

Ampliación do Instituto Eduardo Pondal

Durante a visita ao Instituto Eduardo Pondal, o conselleiro de Educación supervisou o avance das obras de ampliación, iniciadas o pasado mes de xaneiro e que está previsto que conclúan antes de rematar o ano. Tal e como explicou, o investimento final supera os 3,1 millóns de euros e permite dotar o centro de seis novas aulas, ampliar a biblioteca, reformar os aseos para mellorar a accesibilidade, modernizar o sistema de calefacción, arranxar a cuberta e reubicar a pista deportiva.

 

O conselleiro subliñou que esta actuación responde á necesidade de adaptar o centro ao crecemento da poboación escolar nos barrios que comprenden o instituto. “Con esta obra damos resposta ao incremento demográfico e ampliamos o espazo educativo en aproximadamente 1.000 metros²”, indicou.

Deja un comentario