O Concello de Riveira vén de realizar un proxecto destinado á mellora do firme no vial que une os lugares de Lixó e Os Muíños, ambos enclavados na parroquia de Oleiros.
Actualmente, este tramo, de 825 metros de lonxitude e un ancho promedio de catro metros, rexistra un pavimento de aglomerado asfáltico en mal estado, con zonas de sobreanchos sen pavimentación e cunetas en ambas marxes.
O proxecto técnico elaborado persegue renovar o firme do camiño e mellorar á súa calidade, conseguindo desta maneira facilitar a accesibilidade a todas as fincas en xeral e particularmente as explotación agrícolas e montes veciñais en man común da contorna.
Para tal fin, estenderase unha nova capa de aglomerado asfáltico en quente de seis centímetros de espesor, ao tempo que se ampliará en 50 centímetros o ancho da plataforma de rodadura. Tamén se limparán as cunetas e acondicionarase o acceso que dá entrada ás fincas.
Subvención
O custe da actuación é de 65.336,83 euros, IVE incluído, e o prazo de execución un mes e medio. Para a súa execución solicitouse unha achega á Xunta de Galicia con cargo ao plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias 2016 cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (FEADER) ao abeirod o PDR Galicia 2014-2020.