Thursday 17 de July de 2025

Rueda destaca o liderado da economía galega grazas á estabilidade política, fiscal e orzamentaria de Galicia


— Subliña que o Anuario de Economía 2025 realizado polo Foro Económico de Galicia xa é unha referencia para entender cara onde camiña a economía da rexión

— Indicou que Galicia é a única CCAA que acelerou o seu crecemento superando a tendencia do conxunto de España

— Reclamou ao Goberno Central o que é xusto para Galicia no financiamento autonómico

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no acto de presentación do Anuario de Economía 2025 e agradeceu o traballo feito polo Foro Económico de Galicia, destacando que xa é unha referencia para entender cara onde camiña a economía da rexión. Nesta liña, subliñou o papel das persoas que o conforman, comprometidas coa análise rigorosa, coa economía ben fundamentada e coa mellora constante da comunidade e destacou a estabilidade política, fiscal e orzamentaria como claves do liderado da economía galega.

Rueda resaltou que Galicia está a marcar un comportamento diferencial e positivo que supera a tendencia do conxunto de España, sendo “a única CCAA que está a acelerar o seu crecemento”, cun 2,8% en 2024 e “liderando o aumento do PIB per cápita entre 2009 e 2023” con algo máis dun 41% de aumento acumulado, fronte ao 33,8% da media estatal. En canto ao PIB acumulado pre-pandemia, Galicia atópase 11,2 puntos por riba do rexistrado en 2019, fronte aos 8 puntos de media nacional.

O presidente da Xunta fixo fincapé na estabilidade política, fiscal e orzamentaria, claves para dar confianza a quen quere investir e emprender na rexión. No eido do mercado laboral, recalcou que Galicia acadou, por terceiro mes consecutivo, o nivel de paro máis baixo desde que hai rexistros, e máis de 1,1 millóns de afiliacións á Seguridade Social. Ao respecto, indicou que estes resultados reflexan un “panorama esperanzador” e son resultado dunha economía con fundamentos sólidos e unha sociedade dinámica.
No que se refire ás exportacións, Galicia leva anos “batendo récords” e pechou o 2024 con “máis de 30.000 millóns de euros”, un 3% máis que o ano anterior. Nesta liña, o avance previsto para o ano 2025 en Galicia é do 6,6%, “case triplicando a media nacional”. Deste xeito, Rueda subliñou o papel das empresas galegas “pola súa habilidade e valentía necesaria para saír ao exterior” en busca de novos mercados.

Financiamento autonómico
Por outra banda, o titular do Executivo galego alentou ás administracións, empresas e sectores produtivos galegos a seguir traballando porque “hai cousas que mellorar, pero tamén hai cousas ben feitas das que temos que aprender para continuar perseverando”.
Ao remate da súa intervención, o presidente da Xunta reclamou ao Goberno central o que é xusto para Galicia no financiamento autonómico. Sobre o pacto dunha financiación singular entre Cataluña e o Goberno central, Rueda indicou que “se unha comunidade que aporta quere un sistema singular é porque quere aportar menos e reter máis no seu territorio”. Ademais, engadiu que o cupo catalán supón non distribuír en base a criterios de solidariedade, polo que non se poden garantir “a prestación básica de servizos en todo o territorio”.

Deja un comentario