Thursday 17 de July de 2025

A Xunta abre mañá o prazo para optar as axudas para a contratación de 15 estudantes de doutoramento industrial en empresas e centros tecnolóxicos


— A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visita a empresa Porto-Muíños, beneficiaria desta liña de axudas desde 2023

— Cun orzamento de 2,6M€ e o prazo de solicitudes aberto ata o 18 de agosto, esta edición permitirá realizar a tese doutoral nunha contorna empresarial

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou hoxe a empresa Porto-Muíños, que aplica a innovación ao procesado e valorización de algas mariñas para desenvolver produtos alimentarios e ingredientes de alto valor engadido para sectores como o nutracéutico e o cosmético. Con motivo da convocatoria das axudas de Doutoramentos Industriais que se abren mañá, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, quixo coñecer o traballo do persoal desta empresa innovadora, no que se integra actualmente unha doutoranda.

Desde o 2023, a firma cercedense conta cunha estudante de doutoramento industrial para reforzar a súa capacidade de innovación e crear novos produtos de alto valor engadido. Esta investigadora está vencellada ao grupo de investigación Biomasa e Desenvolvemento Sostible da Universidade de Vigo.

En concreto, a doutoranda desenvolve o proxecto ALGAEXTRA que persegue a explotación sostible e integral de macroalgas mariñas cultivadas e recollidas nas costas galegas para extraer ingredientes con propiedades funcionais para a súa aplicación aos sectores alimentario, cosmético e nutracéutico. Este proceso está baseado, ademais, no uso de tecnoloxías verdes, contribuíndo así á sostibilidade do proxecto.

Detalles da convocatoria

Precisamente, mañá publicarase no Diario Oficial de Galicia a quinta edición do programa Doutoramentos Industriais, dotado con máis de 2,6M€ para apoiar a contratación de 15 estudantes máis en empresas e centros tecnolóxicos nos que desenvolverán a súa tese doutoral. Este ano, como novidade, o orzamento increméntase case en 1M€ e a duración das axudas pasa de tres a catro anos, co obxectivo de reforzar a competitividade e o atractivo desta liña de apoio para a formación de persoal.

A directora da Axencia Galega de Innovación animou a que os interesados soliciten participar nesta liña de axudas, cuxo prazo de solicitudes estará aberto ata o 18 de agosto. Este programa, como explicou Carmen Cotelo, “permite deseñar e realizar a tese doutoral nunha contorna empresarial, orientando o proxecto de investigación á resolución das necesidades e problemas dunha empresa ou centro tecnolóxico”, en colaboración coas universidades públicas galegas que se encargarán da formación investigadora da persoa doutoranda.
Deste xeito, os Doutoramentos Industriais favorecen a investigación colaborativa, o que posibilita a transferencia de coñecemento. Ademais, tamén posibilita a incorporación de persoal doutor ás empresas unha vez que remate a duración destas axudas, impulsando así a retención e atracción de talento investigador. Da primeira edición da convocatoria, máis da metade dos doutorandos continúan traballando na empresa, centro tecnolóxico ou universidade.

Entre os requisitos para optar á convocatoria, os aspirantes deberán matricularse nun programa de doutoramento dunha universidade pública galega e ter unha persoa directora da tese vinculada ao programa. As axudas inclúen tanto os custos de contratación, gastos relacionados co proxecto no ámbito da empresa ou centro tecnolóxico e apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro como gastos relacionados co desenvolvemento do proxecto e o custo da matrícula.

Balance das edicións anteriores
Desde a súa posta en marcha no 2021, os Doutoramentos Industriais permitiron contratar a 61 doutorandos en sete centros tecnolóxicos e 45 empresas cun orzamento de 7,5M€. En canto ás universidades, 34 estudantes están asociados á Universidade de Santiago de Compostela, 15 á Universidade de Vigo e 12 á Universidade da Coruña.

Deja un comentario