
A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, estivo esta mañá no municipio, onde a recibiron a alcaldesa, Sandra Permuy; a concelleira de obras, María Carmen Martínez, e o primeiro tenente alcalde, Manuel Polo
“O Plan Único é a principal ferramenta de financiamento local dos nosos concellos, que contan con excesivas e impropias competencias municipais, que dificilmente poden afrontar”, salientou a Deputada, destacando que “en total, destina 116 millóns de euros para os 93 concellos da provincia”
A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García, estivo esta mañá no concello de Fene, onde a recibiron a alcaldesa, Sandra Permuy; a concelleira de obras, María Carmen Martínez, e o primeiro tenente alcalde, Manuel Polo. A visita enmárcase nos investimentos da Deputación neste concello a través do Plan Único, “a principal ferramenta de financiamento local dos nosos concellos, que contan con excesivas e impropias competencias municipais, que dificilmente poden afrontar”, que suman un total de 1.291.171,41€ neste 2025, e que forman parte dos 116 millóns de euros destinados aos 93 concellos da provincia.
Durante a visita, achegáronse a tres obras financiadas co Plan Único. Unha xa rematada, a mellora de camiños municipais de Castelo e da Estrada Laraxe; outra en curso, unha senda peonil; e unha terceira en avaliación, tamén senda peonil na rúa Camiño do Regueiro.
“Para a Deputación é un orgullo poder dicir que contamos cunha ferramenta que reparte os fondos públicos con criterios absolutamente obxectivos, e que lle ofrece aos nosos concellos total autonomía para poder investilos naqueles proxectos que consideren prioritarios en función da súa situación” sinalou a deputada. “E o máis relevante deste plan é que permite levar a cabo obras e servizos que melloran o benestar e a vida da veciñanza, como as que hoxe visitamos”. Cristina García tamén sinalou que o Plan Único “supón un importante impulso para a economía local, ao fomentar a contratación de pequenas e medianas empresas de construción, enxeñerías e outras de sectores relacionados. Deste xeito, ademais de asegurar a execución de obras necesarias, tamén se fortalece o tecido empresarial local, xéranse oportunidades de emprego e contribúese a fixar poboación”.
Pola súa banda, a alcaldesa explicou o POS “é un impulso moi importante para concellos como Fene, que nos permite desenvolver obras moi necesarias para a veciñanza, e dotar de servizos ás distintas parroquias”. Este ano “destinamos parte do POS a gasto corrente, unha opción que valoramos moi positivamente do Plan, porque simplifica os trámites e permite facer obras propias dunha maneira máis áxil” sinalou. “As obras que visitamos hoxe en Limodre, Barallobre e San Valentín son tres exemplos de actuacións moi importantes para Fene, que melloran a calidade de vida e, no caso das dúas sendas, a seguridade peonil nuns treitos moi transitados, beneficiando a moita poboación”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.