Thursday 17 de July de 2025

O obradoiro de emprego “A Laracha IX” intervén no pavillón do IES Agra de Leborís


Realizan o pintado da estrutura metálica para un mellor mantemento do polideportivo.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, visitaron esta mañá as instalacións do pavillón do IES Agra de Leborís para interesarse polo desenvolvemento dos traballos que está a executar a especialidade de pintura industrial en construción do obradoiro de emprego “A Laracha IX”, o programa dual de formación e emprego que se leva a cabo grazas á colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia.

A intervención consiste no pintado da estrutura metálica da cuberta, previa limpeza con medios manuais e eliminación do óxido acumulado co paso do tempo. Con esta actuación preténdese non só mellorar a estética do polideportivo, senón tamén contribuír á súa conservación. É unha intervención necesaria nunha das instalacións deportivas con maior uso do termo municipal. Precisamente os traballos realízanse durante o verán para non interferir no uso por parte do propio centro de ensino durante o horario lectivo e dos clubs deportivos que levan a cabo a súa actividade no pavillón principalmente de setembro a xuño.

Esta mesma especialidade de pintura industrial en construción xa levara a cabo outras actuacións no peche perimetral do propio IES Agra de Leborís e nos vestiarios do campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco.

O Obradoiro de Emprego “A Laracha IX” tamén conta coa especialidade de traballos de carpintería e moble, que actúa actualmente na mellora do paseo fluvial do Anllóns. En total entre ambos grupos suman 20 alumnos traballadores, que reciben formación teórica e práctica durante todo o programa para adquirir experiencia laboral mentres melloran a súa cualificación profesional.
Este obradoiro conta cun orzamento global que supera os 541.000 euros, cofinanciados entre o Concello e a Xunta de Galicia. Ademais, destinaranse adicionalmente outros 18.000 euros para incentivar a contratación do alumnado por parte de empresas privadas ao remate da súa formación, que será o vindeiro día 1 de setembro.

Con iniciativas coma esta, o Concello aposta pola mellora das instalacións e os espazos públicos ao tempo que promove a inserción laboral e a capacitación das persoas desempregadas do municipio.

Deja un comentario