Thursday 17 de July de 2025

O pregón da deportista Blanca Millán inaugura mañá as Festas do Apóstolo 2025


As Festas do Apóstolo 2025 botan a andar mañá, venres 18, co pregón a cargo da xogadora de baloncesto compostelá Blanca Millán, que terá lugar ás 21.30 h desde o balcón do Pazo de Raxoi. A praza do Quintana acollerá a continuación o concerto da banda punk Biznaga.

Pregón
O pistoletazo de saída será o venres 18 de xullo cun pregón a cargo “dunha muller nova e cunha traxectoria brillante que se suma á esta listaxe de grandes mulleres referentes de Compostela”, en palabras da concelleira de Festas, Pilar Lueiro, que salientou de Blanca Millán o seu “compromiso firme co deporte, especialmente co fomento do feminino, o que nos permite afianzar os valores de igualdade a todos os niveis”. Millán “xa tiña un currículo extraordinario: Peleteiro de Santiago, aventura americana con moito éxito, Gran Canaria, Ensino de Lugo e na actualidade no Baxi Ferrol, cunha tempada que acaba de rematar espectacular” pero ademais, engadiu, “representa o que queremos para este concello, unha aposta polo deporte de base e diverso, comprometido coa igualdade e pulando pola visibilización do deporte feminino”.

O pregón será ás 21.30 h dende os balcóns do Pazo de Raxoi e a festa continuará co concerto da banda punk Biznaga na praza da Quintana ás 22.00 h.

Trece días de festa ateigarán os grandes espazos dedicados a espectáculos: Galeras, Praza de San Martiño Pinario, Mazarelos, Alameda, Parque de Bonaval, A Quintana, o Obradoiro, Parque Eugenio Granell e diversas localizacións no rural.

En Galeras estarán os concertos con moita música galega e en galego: Combos A casa do Rock (23), Aksak (24), Ker Cuez (25), Aida Saco (26), Francisco Castro Trío (27), Patrik García e Ginko Biloba (28), MJ Pérez (29) e Sheila Patricia (30).

Na Praza de San Martiño Pinario, a DANZA NO CAMIÑO o venres 18 con compañías procedentes de Taiwan, Andalucía, Extremadura e Galicia.

En Mazarelos: Peregrinos Musicais (29, 30, 31) e o domingo 27 o TradFest, que tamén estará en Bonaval.

Na Alameda, as orquestras: Grupo Alcázar (18); Grupo Bomba (19); Orquestra Alianza (24); Orquestra Galilea (25); Orquestra Los Coleguitas; Orquestra Miramar (31). No Palco da música, que se recupera para as actuacións, estarán As Tareixas o sábada 19 para o público familiar.

Na Quintana: Biznaga (18); Obradoiro de iniciación ás danzas urbanas e as Xornadas do Folclores (19); Día do Traxe (20); Sés (21); Youssou N´dour (22); Real Filharmonía (23); Saxos del Averno (24); Concerto Estrella Galicia con MAIKA Makovski (25); Lura (26); Baiuca (27); Serafín Zubiri e a BMM (30); e a Orquestra Bravú Xangai (31).

A Praza do Obradoiro queda reservada para o Día de Padrón no que actuarán as bandas municipais.

No Parque Eugenio Granell: o martes 22, a Festa Pícara con actividades dende as 12 da mañá con obradoiros, xogos populares, teatro, música…Rematará cun Concerto Tributo Lembra Xabarín ás 19.30H. Será unha festa con concertos accesibles mesmo para a xente xorda.

Logo do éxito de público do ano pasado vólvese programar Compostela Cinema. Proxectarase:

– O sábado 26 O amencer dos Nuggets e El orfebre de Olga Osorio, no parque Eugenio Granell, ás 20.30 h e 22 h, respectivamente

– Domingo 27: Antes de Nós, de Ángeles Huerta, na Praza da Lavacolla

– Luns 28: Xustiza artificial, no CSC da Gracia

– Martes 29: Rapa, no CSC de Laraño

– Mércores 30: Os Demos de Barro, en Verdía

Punto Lila e atraccións sen ruído

Como en anos anteriores haberá un Punto lila na Alameda do 19 ao 31 de 20 a 01 horas e cinco días de atraccións sen ruído: de 17 a 19 horas os días 19, 20, 21, 28 e 29. As atraccións estarán do 17 ao 31 de xullo.

Deja un comentario