
A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor esta intervención, que permite ao Goberno municipal avanzar na súa folla de ruta de melloras entre a Gaiteira, Os Castros e O Castrillón
A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe a posta en funcionamento dos dous novos ascensores habilitados polo Concello entre as rúas Pintor Villar Chao e Juan Montes, co obxectivo de mellorar a accesibilidade entre os barrios da Gaiteira, o Castrillón e Os Castros.
Ata agora, este percorrido peonil só contaba cunha escalinata. Isto obrigaba a que “as persoas con mobilidade reducida ou en cadeira de rodas tivesen que desviarse e facer rodeos para chegar, por exemplo, á avenida de Oza”, tal e como lembrou a rexedora esta mañá, acompañada pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
Coa concreción desta intervención, cofinanciada con fondos europeos Next Generation, a zona gaña en accesibilidade, acurtando traxectos nun distrito moi particular en termos de xeografía e configuración urbana, tanto pola súa densidade como polas pendentes. “A isto súmase a pirámide poboacional do distrito. Aquí viven moitas persoas en idades xa avanzadas. Por ese motivo, valoraremos e estudiaremos a futuro máis actuacións para mellorar a accesibilidade universal no barrio”, avanzou a alcaldesa.
Tanto a presidenta da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e a Área Metropolitana, Luisa Varela, como o presidente da asociación veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros, Paulo Sexto, valoraron positivamente esta actuación. “A nosa asociación sempre tivo entre os seus obxectivos mellorar a mobilidade vertical e a eliminación das barreiras arquitectónicas no noso barrio. Dende o noso colectivo seguiremos apoiando todo o que conleve estas melloras”, expresou Sexto, que agradeceu ao Goberno municipal a nova infraestrutura que entrou hoxe en funcionamento.
Nos últimos meses, o Concello remodelou e adaptou oito paradas de bus no barrio
As melloras de accesibilidade executadas nos últimos meses no triángulo que conforman os barrios da Gaiteira, Os Castros e o Castrillón tamén se plasmaron na remodelación e adaptación das paradas de transporte urbano.
Neste sentido, o Concello obtivo fondos para mellorar 16 dársenas en toda a cidade. Destas 16, a metade das actuacións concentráronse neste sector, con intervencións nas rúas Curtis, Vicente Aleixandre, Abegondo, José María Hernansáez, as prazas da Concordia e Pablo Iglesias e tamén en dúas paradas da avenida da Concordia.
En todas elas executáronse actuacións necesarias en termos de accesibilidade, ampliando a superficie peonil dispoñible e habilitando pavimentos diferenciados que son fundamentais para persoas con mobilidade ou visibilidade reducida.
Ademais, avanzan actuacións clave como a urbanización de José María Hernansáez
Tamén esta mañá, Inés Rey puxo en valor os avances experimentados ao longo deste ano para desbloquear proxectos fundamentais para o barrio, como a urbanización da praza José María Hernansáez, na que o Concello investirá un millón de euros para adecentar este espazo tras consensuar coa veciñanza as actuacións alí previstas.
En marzo presentouse o proxecto de remodelación á veciñanza do barrio e, tras atender as achegas e suxestións das persoas residentes, en xuño saíron a concurso as obras. Desta forma, José María Hernansáez pasará a estar configurada como unha praza peonil que contará con novas sendas e zonas de lecer accesibles. Reorganizaranse as áreas verdes e renovarase a rede de recollida de augas. Ademais, reforzarase a seguridade viaria na contorna e melloraranse os accesos aos vehículos de emerxencias.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.