
O Concello de San Sadurniño vén de esixirlle ao SERGAS que garanta os dous médicos de atención primaria no centro de saúde durante os meses do verán. Segundo puido saber o Goberno local, desde o 1 de xullo ata o 26 de setembro só haberá un facultativo prestando servizo. Unha circunstancia que, segundo o alcalde, Secundino García Casal, “pon en risco a calidade asistencial e a saúde da veciñanza”. O rexedor cursou esta mañá unha carta dirixida á xerente da Área Sanitaria de Ferrol, reclamando unha solución inmediata e insistindo en que a sanidade pública “é un dereito fundamental” que debe ser garantido tamén en época estival.
Na carta enviada con data de hoxe, o alcalde insta ao SERGAS a que se cubra completamente o servizo médico de atención primaria, posto que, ao parecer, o centro funcionará ata o 26 de setembro con só un dos dous médicos que lle corresponden. Unha situación que García Casal cualifica de “inadmisible”.
Segundo explica o rexedor, esta redución de persoal sanitario durante os meses estivais pode ter “consecuencias moi graves” para a atención da veciñanza. “Un único médico non pode, de maneira razoable nin segura, asumir todas as consultas ordinarias, os seguimentos de pacientes con doenzas crónicas, nin tampouco atender as urxencias que poidan xurdir”, alerta García Casal no escrito. Ademais, avisa de que esta sobrecarga supón un risco para o propio profesional, que se verá sometido a unha “presión asistencial inasumible”.
O Concello comprende que o verán é unha época complexa para a xestión sanitaria debido ás vacacións e outras ausencias, pero lembra que tamén é un período no que aumentan as necesidades asistenciais. “As altas temperaturas, a mobilidade da poboación e outros factores estacionais fan aínda máis necesario reforzar os servizos, non recortalos”, apuntan desde a Alcaldía.
A carta conclúe cunha esixencia clara á Xerencia da Área Sanitaria: cubrir a falta do facultativo mediante substitución, redistribución temporal de persoal ou calquera outra fórmula que permita manter os dous médicos no centro durante o verán. “A sanidade pública é un dereito fundamental e non pode verse deteriorada por unha falta de previsión ou xestión”, subliña o alcalde.
Secundino García Casal cursou a demanda esta mañá “en nome de todo o municipio”, confiando en que se lle dea unha resposta satisfactoria “con urxencia e responsabilidade”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.