Thursday 17 de July de 2025

O verán preséntase nas Rías Baixas cunha ocupación que prevé superar o 90%


O director de Turismo de Galicia participou na inauguración da xornada ‘Enoturismo Intelixente: Da estratexia á acción’ onde defendeu unha aposta pola dixitalización do sector

 

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na inauguración da xornada ‘Enoturismo intelixente: da estratexia á acción Caso de uso e experiencias en destinos’ onde destacou a previsións que o seu departamento manexa para este verán e que falan dun incremento do 9% nas reservas de voos internacionais a Galicia e tamén dunha ocupación media dos establecementos de aloxamento de entre o 70 e o 90%. “Esta porcentaxe pode incrementarse no caso de destinos coma o das Rías Baixas que vén experimentando un crecemento continuo en número de turistas nos últimos anos”, afirmou.

 

Xosé Merelles participou na inauguración da xornada Enoturismo Intelixente, organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Sociedade Mercantil Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR). O encontro serve como espazo de creación do Grupo de Traballo de Enoturismo Intelixente, que nace con vocación de rede colaborativa estable entre os destinos participantes na Plataforma Intelixente de Destinos.

 

Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia valorou a importancia do enoturismo na creación de novas experiencias, que aporten un valor engadido á visita a Galicia a través dun tipo de turismo, o enogastronómico, que é dos de maior gasto medio por día leva parello. De aí a relevancia que o turismo enolóxico está a tomar nos últimos anos e os esforzos do seu departamento por potencialo. Entre outras medidas específicas, desde Turismo de Galicia promoveuse o Plan territorial de sostenibilidade turística de enogastronomía de Galicia 2023-2025, dotado con 34,5M€.

 

Xosé Merelles destacou ademais como unha das liñas mestras da Xunta, “a necesidade de avanzar na dixitalización do sector”. Aquí inclúese a vontade de integrar as novas tecnoloxías tanto desde a Administración como nas empresas para, así, aproveitar efectivamente todos os beneficios que ofrecen.

 

Neste sentido, a Estratexia de Turismo 2030 dedica unha misión por completo ao denominado como ‘Intelixencia turística e transformación dixital’. Entre os obxectivos desta misión están a mellora da experiencia de turismo e a optimización da xestión de recursos e do control dos fluxos turísticos. “A través da toma controlada de datos, pódese mellorar a competitividade dos destinos”, apuntou Merelles.

Deja un comentario