
O Concello descubrirá unha placa e unha figura metálica na rúa que levará desde agora o nome do intelectual galeguista
Migallas Teatro tamén traerá pola mañá a obra Pegadas de Castelao e Manuel Rei Romeu presentará á tardiña na libraría Brétema o ensaio Castelao, desta terra e deste tempo
Este venres 18 de xullo é a data elixida polo Concello para celebrar dous dos actos programados con motivo do 75º cabodano de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Médico, debuxante, escritor, pensador, político e, por riba de todo, un persoeiro clave da nosa historia polo seu compromiso galeguista. Durante todo este mes pode visitarse na Casa do Concello a exposición “Castelao. 75º Cabodano”, cedida polo Concello de Cedeira, e ademais, mañá venres tamén está prevista a representación da obra familiar Pegadas de Castelao -11:30h, Casa da Cultura- e o descubrimento, ás 19:30h, da placa que lle dará o nome de Castelao á rúa que pasa por diante do centro cultural, o centro de saúde e o cemiterio. Será xusto antes de que na libraría Brétema se presente o libro Castelao, desta terra e deste tempo, de Manuel Rei Romeu.
A xornada de homenaxes comezará, polo tanto, coa peza de Migallas Teatro Pegadas de Castelao, que iniciará en San Sadurniño a súa andaina dentro do programa monográfico dedicado ao autor pola Área de Lingua da Deputación da Coruña. De feito, está previsto que mañá veña por San Sadurniño a deputada responsable da área, Soledad Agra Tuñas, para presentar o ciclo de dez representacións que levará esta obra por varias vilas e cidades da provincia.
Pegadas de Castelao é unha obra teatral que, como indica o propio título, nos mostrará con monicreques, traballo actoral, pantomima e cantares de cego, entre outras técnicas, as profundas pegadas que deixou Castelao na historia e na cultura de Galicia. “Pegadas de Castelao” é un espectáculo dirixido a todos os públicos a partir de 6 anos que ten como obxectivo a difusión da figura e da obra de Castelao en todas as súas facetas: escritor, político, artista, promotor cultural etc. dunha forma amena e divertida.
Migallas Teatro terá como público á rapazada da Aldea de Verán, aínda que a representación será aberta -non se precisa reservar entrada- e a ela poderá asistir quen queira. Empeza ás 11:30h.
Xa pola tarde, o Concello daralle cumprimento formal ao acordo plenario adoptado o pasado mes de xaneiro para darlle o nome de Castelao á rúa que vai desde a Casa da Cultura até a rotonda do pavillón municipal pasando por diante do centro médico e do cemiterio.
O acto, programado para as 19:30h, consistirá no descubrimento da placa “Rúa Castelao” colocada na esquina da Casa da Xuventude e tamén dunha figura recortada en metal que reproduce a famosa autocaricatura de 1914 onde o político aparece con sombreiro, cun cigarro nunha man e a outra metida no peto da americana. O tótem de ferro quedará colocado no pequeno xardín dianteiro da Casa da Cultura.
O acto completarase cunha breve intervención do historiador, ensaísta e crítico literario Francisco Rodríguez Sánchez. Bo coñecedor das facetas indisolubles do Castelao artista, o Castelao escritor e o Castelao político, Rodríguez Sánchez asegura que, en contraposición á figura actual “atada” ao autonomismo de maneira interesada pola Xunta e algúns sectores, a cerna do seu pensamento e práctica política está encadrada “na consideración da Galiza como nación, a defensa do dereito de autodeterminación, o seu federalismo antiimperialista, o seu internacionalismo e o seu pacifismo”.
Presentación en Brétema do ensaio Castelao, desta terra e deste tempo
Un dos autores que máis leva estudado a Castelao é o profesor e investigador Manuel Rei Romeu, quen acaba de publicar con Tempo Galiza Editora o libro Castelao, desta terra e deste tempo. Un ensaio que, como el mesmo asegura, pretende achegar “unha visión integral de Castelao” que combine con claridade e concreción “o espírito divulgativo coa análise e interpretación da súa obra”. A fin última do libro é, segundo Rei Romeu, “ofrecer as claves do seu pensamento”.
Castelao, desta terra e deste tempo presentarase diante da Libraría Brétema ás 20:00h -se chove, trasladarase á cafetería Dzine- coa participación do propio autor, quen conversará co alcalde, Secundino García Casal, sobre o propio ensaio e sobre a vixencia do ideario e posicionamento vital de Castelao.
A anfitrioa de ambos será a libreira, Ana Belén Breixo Gundín, organizadora do evento co que se pechará unha completa xornada de homenaxe ao intelectual galeguista que aínda proseguirá con outras propostas no que queda de ano, como por exemplo a proxección do filme “Antes de nós”, de Ángeles Huerta, dentro da programación do Chanfaina lab da primeira fin de semana de setembro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.