Thursday 17 de July de 2025

Neda promove un obradoiro sobre manexo da dor crónica xunto coa Escola Galega de saúde para cidadáns


Vén de abrirse o prazo de inscrición na actividade, prevista para setembro

O Concello de Neda programará, en colaboración coa Escola galega de saúde para cidadáns, un novo cursiño á volta das vacacións de verán. Trátase dun obradoiro centrado no manexo da dor, entendida como unha experiencia física desagradable, que presenta ademais compoñentes psicolóxicos e sociais. Na sesión, para a que acaba de abrirse o prazo de inscrición, prestarase especial atención á dor crónica, e ofreceranse pautas útiles para convivir con ela.

Da man de Ana Isabel Calvo, enfermeira da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS, abordaranse no obradoiro as características e tipos de dor existentes (crónica e aguda). Falarase da súa avaliación e tratamento e das escalas de valoración de grao. E finalmente, ofreceranse toda unha serie de recomendacións e técnicas que poden axudar a reducir a súa intensidade, e aliviar o sufrimento, é dicir, a resposta emocional a esa dor.

A iniciativa persegue dous obxectivos fundamentais que son mellorar a información e comprensión da dor crónica por parte dos pacientes e da súa contorna, e tamén por parte da cidadanía en xeral. E, doutra banda, proporcionar as habilidades e os coñecementos necesarios para mellorar a calidade de vida no ámbito persoal e familiar.

A actividade, dirixida á poboación en xeral, chegará á Casa da Cultura o día 19 de setembro, de 16.30 a 20.30 horas, e a acción formativa dará dereito a diploma de participación.

Xa está aberta a inscrición, a través da páxina web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns (https://escolasaude.sergas.es/ no apartado de cursos presenciais). Como sempre, na Casa da Cultura axudarase á veciñanza interesada en participar que teña dificultades para inscribirse online.

Deja un comentario