Wednesday 16 de July de 2025

O Concello reforza o convenio coa Fundación Down Compostela para o desenvolvemento do seu programa de vida independente


A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais vén de reforzar o convenio de colaboración que mantén coa Fundación Down Compostela para o desenvolvemento do seu programa de vida independente “Isto é Vida”. Trátase dun proxecto que ten como obxectivo fomentar a autonomía dos mozos e mozas con síndrome de Down, facilitándolles a súa primeira experiencia de viviren de maneira independente nun piso compartido. A concelleira María Rozas visitou a vivenda, e expresou o seu orgullo “por poder colaborar desde o Concello cunha iniciativa que xa está a mellorar a vida de moitas persoas”.

No piso no que se desenvolve o programa de vida independente da Fundación Down Compostela residen a día de hoxe unha moza e dous mozos: Pamela, Fran e Dani. Os tres recibiron na súa casa á concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, xunto co presidente da entidade, Juan Martínez; e o técnico responsable do programa de vida independente da fundación, Samuel Quelle. María Rozas loubou este proxecto, “que permite dar un paso moi importante na inserción e no fomento da autonomía das persoas con síndrome de Down”, e agradeceu “o inmenso traballo que desenvolve Down Compostela para mellorar a vida de moitas familias”. A concelleira recoñeceu o orgullo do Concello por colaborar nesta iniciativa, a través dun convenio coa Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais ao que este ano se destinaron 15.000 euros, 5.000 euros máis que en anos anteriores. Tal e como explicou María Rozas, “este incremento está na liña de reforzar as entidades sociais que fan un magnífico labor en Santiago, que foi unha das prioridades que nos marcamos nos orzamentos municipais de 2025”.

O presidente de Down Compostela agradeceu este incremento da achega no convenio de colaboración e o compromiso do Concello co programa de vida independente “que puxemos en marcha en xaneiro de 2024 e que está repercutindo moi positivamente na vida persoal e tamén profesional dos mozos e mozas usuarias”. Juan Martínez apuntou que “a evolución dos mozos e mozas participantes é moi notable, e mesmo as empresas nas que traballan perciben ese cambio a mellor”. Tal e como relatou, o obxectivo é “que as persoas con síndrome de Down poidan aspirar ao que aspiramos todas cando somos adultos: ter a nosa casa e facer a nosa vida”.

Na visita, Pamela, Fran e Dani relataron cales son as súas rutinas no seu piso compartido, como comparten as tarefas, e mesmo como toman as decisións sobre o seu tempo de ocio. O obxectivo do programa “Isto é vida” é fomentar a autonomía, a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento pleno do rol de persoa adulta, para que as persoas con síndrome de Down poidan construír un proxecto de vida propio. As persoas participantes no proxecto deben ser usuarias da Fundación Down Compostela e teren un contrato de traballo, porque o programa pretende darlle a oportunidade ás persoas de aprender a vivir de xeito independente para que logo o poidan facer polos seus propios medios.

Deja un comentario