
— Trátase dunha das 12 instalacións onde se desenvolve a acción divulgativa ‘Van polo clima’, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, e no marco da campaña ‘Modo Verán Activo’ da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
— A iniciativa lévase a cabo ao abeiro da actividade ‘Aventura nas Mariñas’ na que participan nesta quenda, ata o venres, 100 nenos e nenas de entre 9 e 11 anos
— O representante do Goberno galego fai fincapé no “reforzo do compromiso das xeracións máis novas coa sustentabilidade e a sensibilización co cambio climático”
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe en Sada o Albergue Xuvenil Marina Española, onde ten lugar Aventura nas Mariñas, un dos 12 campamentos da Xunta nos que se desenvolve a acción divulgativa Van polo clima, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, e que se encadra na campaña Modo Verán Activo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que ofertou en total nestas instalacións 600 prazas este ano repartidas en seis quendas.
Durante o percorrido, o representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola delegada territorial na Coruña, Belén do Campo; pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, destacou desta proposta “a oportunidade única para a mocidade de gozar dun lecer educativo que fomenta os valores de convivencia e deporte á vez que o respecto polo medio ambiente”. Fixo fincapé así na colaboración entre distintos departamentos do Executivo autonómico “para reforzar o noso compromiso coa sustentabilidade e a sensibilización sobre o cambio climático das xeracións máis novas”.
Tal e como explicou, este campamento conta nesta quenda con 100 prazas para nenos e nenas de entre 9 e 11 anos que, ata o vindeiro venres, están a gozar de distintas actividades na praia, de propostas acuáticas e outros deportes como kinball, tirolina, tiro con arco e escalada, así como xogos tradicionais e obradoiros de fotografía, entre outras accións. “Unha boa maneira de aproveitar as vacacións estivais para aprender sobre o coidado do medio ambiente mentres gozan de distintas aventuras, afianzando a actividade en grupo e en contacto coa natureza”, apuntou López Campos.
Neste senso, lembrou que desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude púxose a disposición da mocidade de 9 a 17 anos un total de 7.877 prazas en campamentos de verán en Galicia este ano, 2.762 delas na provincia da Coruña. A estas súmanselle as ofertadas nos campos de voluntariado, nos minicampamentos e noutras propostas, acadando as 11.630 prazas no conxunto da campaña. Todo isto, puntualizou, “para brindar á nosa xuventude as mellores e máis variadas oportunidades para o seu lecer abranguendo os seus distintos intereses e favorecendo o seu enriquecemento persoal con accións tanto lúdicas, como culturais, deportivas e formativas”.
Concienciación sobre o clima
A Xunta puxo marcha o pasado mes de xuño, no marco do programa Mocidade polo Clima, a iniciativa divulgativa Van polo clima, de carácter itinerante, co obxectivo de sensibilizar e formar a mozas e mozos de ata 35 anos sobre o cambio climático e os grandes retos asociados a este fenómeno a nivel mundial.
Así, coa intención de chegar a máis de 5.000 rapaces e rapazas galegas, a acción materialízase, entre outras cuestións, nunha furgoneta dotada con zona anexa de lecer, xogos e photocall, que percorre Galicia durante o verán para instalarse nalgúns dos principais festivais e eventos musicais da Comunidade, así como nos campamentos e campos de voluntariado organizados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, organizando actividades lúdicas, participativas e informativas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.