
Os festexos, en ambos barrios, serán do xoves 17 ao sábado 19
As festas nos barrios da Coruña continúan neste ecuador do mes de xullo, coincidindo coas celebracións do Carme, con festexos nos barrios dos Castros e Mariñeiros – Peruleiro. As festas son financiadas polo Concello a través do plan de apoio ás entidades veciñais para a celebración das súas festas patronais. Dita liña de subvencións conta cun orzamento total de 500.000 euros para todas as celebracións tradicionais dos barrios. “Desde o Goberno de Inés Rey temos democratizado este ano o proceso para que os diferentes barrios celebren as súas festas, dándolle ás asociacións unha maior autonomía para que confeccionen os programas”, indica Gonzalo Castro.
Do xoves 17 ao sábado 19 o parque de San Diego acollerá a Romaría dos Castros, con numerosas actividades lúdicas para todos os públicos e polbo e churrasco todas as xornadas. O xoves 17 os festexos comezarán ás 21.00 horas co pregón a cargo de Mercedes Conchado e Aradas Mery. A continuación haberá unha foliada tradicional a cargo de Donaire e, ás 22.15 horas, actuará Mercedes Peón co seu espectáculo ‘Déixaas’.
O venres a xornada comezará ás 12.00 horas cun pasarrúas a cargo dos Gaiteiros de Cántigas. Ás 13.30 comezará o vermú e xantar popular a cargo dos propios Gaiteiros de Cánticas e o coro Coitelo de Pau. Pola tarde, ás 16.00 haberá xogos tradicionais e a partir das 21.00 celebrarase unha nova foliada popular e haberá actuacións de Pandeireteiras de Bouba, Os Carunchos e Señora DJ. O sábado pecharanse os festexos con alborada co grupo Son d’aquí a partir das 11.00, sesión vermú con José Brea e Miguelón desde as 13.00 e concerto de El Corta ás 17.00 horas.
Por outra banda, en Mariñeiros – Peruleiro o xoves haberá festa infantil desde as 17.30 horas, con inchables acuáticos e festa da escuma. O venres actuará Pablo Balseiro a partir das 22.00 horas e o sábado será o día grande, con actuación das pandeireteiras Miña Xoia ás 13.00 e Aixa Romay na sesión vermú ás 13.30. Xa pola noite actuarán DJ A3060 ás 22.00 e Aixa Romay ás 22.30 horas. Haberá como peche unha sesión de fogos de artificio.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.