Wednesday 16 de July de 2025

A Pobra concienciará ás novas xeracións sobre o coidado dos ecosistemas mariños e as praias cunha xincana ambiental


· A actividade, ligada á Bandeira Azul da praia A Lombiña-Cabío, levarase a cabo neste areal o venres, 18 de xullo.

A Pobra buscará concienciar ás novas xeracións sobre o coidado e o respecto dos ecosistemas mariños e as praias. Farao a través da xincana ambiental Protéxeme, unha actividade ligada ao distintivo de Bandeira Azul da praia A Lombiña-Cabío e que se levará a cabo, precisamente, este venres, 18 de xullo.

O Concello organizará dúas quendas nas que poderán participar ata un máximo de 20 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos. A primeira terá lugar ás 10.30 e a segunda ás 12.00 horas. O lugar de recepción e inicio das propostas participantes será no propio areal e estará indicado con bandeirolas de cor azul.

A través desta iniciativa, o Concello pretende sensibilizar e promover a protección dos seus ecosistemas mariños e praias, previndo sobre a necesidade de retirar residuos sólidos urbanos nestes espazos.

As inscricións poderán realizarse ese mesmo día no lugar onde se sitúen as bandeiras. En caso de previsión meteorolóxica adversa, a actividade adiarase para outro día.

Deja un comentario