
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a saída a concurso das obras. Cando se adxudiquen, haberá un prazo de tres meses para executalas
Luz verde á cesión de dúas parcelas municipais en Xuxán, onde se prevé a construción de algo máis de 130 vivendas que se destinarán a incrementar o parque residencial de alugueiro na cidade
O Concello inviste 424.000 euros para a adaptación de máis de 5.000 contedores para a denominada fracción resto, que contribuirán á mellora da reciclaxe na cidade
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe da saída a concurso dos traballos para derrubar os muros das rúas Canceliña e Páramo, un paso clave que abre camiño á próxima creación do parque do Observatorio, unha área verde que forma parte das demandas históricas do barrio da Agra do Orzán.
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a licitación das obras, que o Concello sufragará cun investimento de máis de 77.000 euros. Desta forma, o Goberno municipal avanza na súa folla de ruta co obxectivo de abrir o parque á cidadanía, despois de que se acadase a concesión dos terreos por parte do Estado no pasado mes de xuño.
Rey explicou que a supresión dos muros “é fundamental para iniciar, posteriormente, as actuacións de adecuación necesarias para que o parque sexa unha realidade”.
Unha vez se adxudiquen os traballos de demolición dos valados perimetrais en Canceliña e Páramo, estímase un prazo de execución de tres meses para completar esta intervención.
Xuxán contará con máis de 130 novas vivendas de aluguer
Tamén esta mañá, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á adxudicación da cesión de dúas parcelas municipais no barrio de Xuxán, nas que se prevé a creación de máis de 130 novas vivendas que se destinarán a incrementar o parque residencial de aluguer na cidade.
Os soares en cuestión son a parcela Z-22, adxudicada á mercantil Xestión de Autopromoción (104 vivendas), e a Z-26 A, que asumirá a cooperativa Outra Forma de Vivenda e onde se construirán entre 33 e 38 vivendas colaborativas en réxime de cesión de uso, un modelo alternativo á propiedade ou alugueiro tradicional. Nos dous casos os inquilinos aboarán un aluguer que terá como referencia máxima os índices marcados polo ministerio, sempre por debaixo do prezo de mercado.
A rexedora lembrou que “a propiedade do solo segue a ser nosa, aumentamos a oferta de vivenda de alugueiro na cidade a prezos razoables e, a todos os efectos, será vivenda municipal porque se revertirá ao Concello”.
O quinto contedor estará implantado antes de finais de ano
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe un investimento de máis de 424.000 euros que o Concello destinará á instalación do quinto contedor, ao abeiro da adhesión da Coruña ao Convenio Marco de Colaboración entre a Comunidade Autónoma de Galicia e Ecoembes, que fará posible a implantación na cidade do quinto contedor, de cor gris, para a recollida separada de residuos de fracción resto antes de final de ano.
Neste sentido, este mércores deuse luz verde á modificación do contrato de contenerización e recollida de residuos urbanos coa UTE Atlántica, aboando os fondos necesarios para cambiar as tapas e rotular 5.028 contenedores existentes que se destinarán á denominada fracción resto. A compañía asumirá tamén o seu mantemento.
Melloras no Castro de Elviña
Ademais, hoxe aprobouse un investimento de 680.000 euros no Castro de Elviña, un dos principais enclaves patrimoniais e históricos da Coruña.
Inés Rey anunciou a licitación das obras necesarias para construír o valado perimetral arredor do xacemento, un peche de case quilómetro e medio que tamén axudará a delimitar os futuros puntos de control de acceso e tránsito das persoas visitantes.
En paralelo, aprobouse o proxecto constructivo do novo centro de apoio ás actividades arqueolóxicas e didácticas do castro de Elviña. É o paso previo á licitación das obras, que contan cun orzamento de 330.000 euros. “O obxectivo é dispor dun equipamento de escala reducida que cumpra a función de apoio ás escavacións arqueolóxicas futuras, tal como se ven realizando nos últimos anos, e ademais, que tamén que sirva como punto de información e recepción de visitantes”, explicou a alcaldesa.
Melloras nos vestiarios do campo da Leyma
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local aprobou a saída a concurso da segunda fase de melloras prevista no campo de fútbol Víctor Fernández Alonso, a Leyma. Inés Rey lembrou que a finais de abril rematou a primeira fase de actuacións, que supuxo a renovación do céspede artificial, a creación dunha nova zona de adestramento e quecemento en céspede artificial tras a grada, a remodelación da rede de rego e melloras de accesibilidade a grada e vestiarios.
Agora, procederase á reforma das instalacións de fontanería, con especial énfase nos sistemas de auga quente, que serán mellorados con respecto aos actuais. Isto suporá un investimento de 269.000 euros, que se suma aos 430.000 xa investidos na primeira fase.
Unha vez se adxudiquen as melloras, haberá oito semanas para a súa execución.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.