Wednesday 16 de July de 2025

Mila Castro reclama ao goberno local “responsabilidade” ante a situación precaria dos vixiantes do Estadio Verónica Boquete


• Advirte que a empresa debe catro nóminas aos traballadores do servizo municipal e esixe ao executivo de Sanmartín que traballe para garantir o cumprimento das obrigas que ten a concesionaria co persoal.

• Castro e Rosón reuníronse coa Federación de Traballadores de Seguridade Privada do sindicato USO, que lles trasladaron tamén a súa preocupación ante a paralización da nova concesión do servizo por un recurso da actual concesionaria

Unha situación “gravísima”: así cualificou este mércores Mila Castro as circunstancias nas que se atopa na actualidade o servizo de vixilancia do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro. A concelleira non adscrita, advirte de que a empresa responsable do servizo, Segursystem Europa SL debe aos traballadores catro nóminas pendentes de aboar e pide ao executivo de Sanmartín “responsabilidade” e que se implique para “reclamar á empresa que cumpra as súas obrigas cos traballadores”.

Logo de manter unha reunión a propia Castro e Mercedes Rosón coa Federación de Traballadores de Seguridade Privada da Unión Sindical Obreira, alertan ademais de que a nova adxudicación do contrato está paralizada, despois de que a actual concesionaria presentara un recurso contra a súa exclusión deste novo proceso de licitación. O servizo préstase na actualidade en precario despois de que o goberno
local prorrogara en setembro do 2023 o contrato, ao igual que o fixo para o servizo de vixilancia das dependencias da UMAD, que depende da mesma empresa.

Castro advirte de que, a paralización do proceso de licitación -que xa se atopaba en fase de adxudicación- supón unha maior incerteza para o persoal á que se suma unha sensación de “abandono institucional”, tal e como denuncian desde a representación dos traballadores.

Un goberno local “de brazos cruzados”

Fronte esta situación, dun “novo servizo en precario e cuns traballadores afogados que seguen sostendo con esforzo e profesionalidade o servizo”, denuncia Castro que o goberno local permanece “de brazos cruzados” e “desbordado”. Critica a concelleira non adscrita que o executivo de Sanmartín aínda non respondera á petición de reunión da representación dos traballadores e que, neste tempo, non procurara establecer “diálogo algún coas persoas afectadas para trasladar o estado no que se atopa a nova licitación, suspendida ata que se resolva o recurso”.

Segundo explican fontes do sindicato USO, a exclusión da actual concesionaria do proceso de licitación fundamentouse na sanción que pesa sobre a Segursystem Europa SL de prohibición de contratar no ámbito do sector público. Pregúntase Mila Castro, en claras alusións á situación do contrato do transporte público -tamén en precario e con facturas pendentes de aboar desde o 2024-, “cal vai ser a escusa que vai empregar a Alcaldesa desta volta para botarnos a culpa ás concelleiras non adscritas de que haxa un novo servizo que se presta en precario”.

Neste sentido, Castro esixe “responsabilidade” á Alcaldesa en ambos asuntos. Anuncia ademais a concelleira no adscrita a presentación dunha iniciativa para o vindeiro pleno municipal no que reclamará ao goberno local “información detallada” sobre esta cuestión, e unha maior “implicación” do executivo na resolución do conflito: por unha banda, para desbloquear a licitación e, por outra, para traballar activamente en garantir que a empresa cumpra as súas obrigas cos traballadores.

Sobre esta última cuestión, advirte Castro da importancia de que o goberno local traballe activamente para que as nóminas pendentes de aboar se paguen antes da renovación do servizo, toda vez que, segundo a doutrina Somoza, a nova empresa que preste o servizo terá que facerse responsable das débedas co persoal da anterior ao producirse a sucesión da plantilla: “se isto non se resolve antes, podería darse a situación de que a nova empresa adxudicataria renuncie por non poder facer fronte a esas débedas, e a licitación remate quedando deserta”, comprometendo a continuidade do servizo.

Deja un comentario