
Un total de 63 veciños e veciñas de Brión, de sesenta ou máis anos, participaron onte mércores na segunda das catro excursións organizadas polo Concello de Brión dentro do seu programa “Xornadas de Verán”. Unha saída que os levou ata Mondoñedo, Burela e Ribadeo, e na que estiveron acompañados polo alcalde, Pablo Lago, e a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero.
A expedición saíu de Brión con destino Mondoñedo, vila na que realizaron un percorrido guiado pola catedral e o Museo da Imprenta, ao tempo que aproveitaron para mercar produtos locais e de oficios tradicionais na Feira de Artesanía Os Muíños. Tras unha parada para xantar en Burela, os maiores de Brión visitaron durante a tarde Ribadeo e desfrutaron dunhas fermosas vistas da ría dende o Miradoiro da Atalaia, antes de emprender regreso a Brión.
A próxima saída terá lugar o vindeiro martes 22 de xullo, cunha nova visita a Ribadavia, vila que percorrerán da man dunha guía para despois achegarse por unha adega, onde farán tamén unha visita guiada e unha pequena degustación de viños do Ribeiro. Tras xantar no balneario de Laias, dirixiranse ao Carballiño, antes de emprender a volta a Brión.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.