Wednesday 16 de July de 2025

A Louseira estréase na oferta de xeorrutas do Xeoparque do Cabo Ortegal


O Xeoparque do Cabo Ortegal ofrece durante este verán un total de 11 xeorrutas para descubrir a relevancia e variedade do patrimonio xeolóxico da nosa zona, que o fixo merecente en 2023 do recoñecemento como Xeoparque Mundial da UNESCO. Aos itinerarios doutros anos -como son os tan exitosos das Praias das Areas Negras, do Limo, do Arsénico, dos Cabos, do Cobre, de Mina Piquito ou o do Granate- engádeselle este ano como novidade o da Lousa, que se desenvolverá este venres 18 de xullo de 10 a 13:00h aquí, en San Sadurniño, coroando as Penas Louseiras (Naraío), límite suroeste do noso xeoparque. No momento de redactar esta información só quedaba unha praza vacante que, no caso de querer asistir, debe reservarse desde este formulario.

Tal e como explica o xeólogo e guía Fran Canosa, na saída deste venres polas Penas Louseiras -A Louseira, para a veciñanza de Naraío e Anca- “veranse as formas peculiares, especialmente os signos dos procesos de calor e presión que as formaron hai uns 350 millóns de anos”, aínda que tamén se explicará “que acontece” neste punto concreto coas lousas -rochas metamórficas de orixe sedimentaria- que se viron afectadas polo metamorfismo de contacto cos granitos da grande burbulla de magma que formou o Forgoselo.

As particularidades destes fenómenos, que Canosa explica de maneira comprensible empregando planos e exemplos moi visuais, iranse vendo no transcurso dun paseo de dificultade baixa que comezará no lugar de Quintiá, en Naraío, desde onde se subirá á zona máis elevada da Louseira, que é un alto que xa de por si chama a atención pola súa forma, cunha ladeira totalmente lisa e limpa da que sobresaen como dentes de serra as formacións de lousa.

Un material que noutro tempo foi explotado polo enxeñeiro galés Ellys Henry Thomas, don Eliseo O Inglés, afincado en Naraío, onde formou familia e onde morrería a principios da década dos anos 40 do século pasado despois de ter feito prospeccións á busca de ouro no Gandarón -preto da Louseira-, fronte á praia ferrolá de Santa Comba, en Covas, e noutros lugares. Thomas mesmo tivo a principios do século XX a concesión para extraer lignito do xacemento das Pontes e puxo en marcha unha pequena canteira de lousas no “Calexón” das Penas Louseiras. Segundo se conta, de alí saÍron grandes remesas de pedra para pavimentar as rúas de Londres, aínda que disto último non se atopou aínda constancia documental.

Ademais da intrahistoria da Louseira, a zona tamén ofrece un mirador único desde o que se divisa boa parte do Golfo Ártabro -en días claros ata se pode ver sen prismáticos a Torre de Hércules-, a grande falla pola que discorre o río Castro e unha grande parte do territorio declarado como Xeoparque Mundial da UNESCO, que ten precisamente neste punto a súa fronteira suroeste.

Malia que a xeorruta estará moi enfocada na lousa, a expedición divulgativa tamén se achegará na parte final do itinerario ás formacións graníticas que se atopan no límite entre San Sadurniño e A Capela, que ofrecen curiosidades xeolóxicas como os bolos, as pedras cabaleiras e as pías e taffonis.

Para participar nesta ou nas outras saídas previstas para xullo e agosto pola Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal é necesario apuntarse antes a través do formulario en liña dispoñible na súa web. As xeorrutas teñen prazas limitadas e un prezo de 10€ para as persoas adultas e de 6€ para menores de 15 anos. Cómpre apurar porque moitas delas xa teñen o cupo cuberto e noutras está a piques de completarse, como é o caso desta das Lousas na que só quedaba unha praza no momento de preparar esta noticia.

Deja un comentario