O programa, artellado pola Concellería de Medio Ambiente, pecharase cunha plantación de árbores autóctonas e un recital poético
Ao redor de 250 nenos/as de 3º a 6º de Primaria de cinco centros escolares de Fene tomarán parte o venres 1 de abril na xornada de clausura do programa “Adeus ríos, adeus fontes”, promovida pola Concellería de Medio Ambiente de Fene. O evento desenvolverase no parque liñal da Casanova (baixo o viaducto da autoestrada) en horario de mañá, de 10.00 a 13.00 horas.
Consistirá na plantación de árbores autóctonas e na lectura de poemas (1 por colexio). Ao comezo da xornada, o alcalde de Fene dará a benvida aos/ás participantes e o técnico responsable da plantación informará aos/as participantes sobre o desenvolvemento da xornada. A continuación, os/as nenos/as -acompañados polo/s profesores/as e monitores/as- dirixiranse en grupos aos lugares asignados previamente para comezar a plantación que se completará, ao remate, cun recital poético. Pechará o acto a concelleira de Medio Ambiente, Mariela Aguilar.
Cinco centros escolares do municipio -o CPI A Xunqueira, o CPR Jorge Juan e os Ceip de Centieiras, O Ramo e Os Casais- participarán nesta derradeira xornada de “Adeus ríos, adeus fontes”, programa co que se pretende “conmemorar, de xeito transversal e interrelacionado, o Día Forestal Mundial (21 de marzo), o Día Mundial da Poesía (21 de marzo) e o Día Mundial da Auga (22 de marzo)”. Para o desenvolvemento desta actividade, contarase coa colaboración de persoal municipal, profesorado, 14 monitores/as contratados e voluntarios/as de protección civil.