
· A actividade levarase as fines de semana de xullo e agosto, celebrándose a primeira este sábado, día 19.
Descubrir e gozar da ría máis grande Galicia nun grupo reducido e a bordo dun veleiro. Esa é unha das propostas do Concello para vivir o verán na Pobra do Caramiñal. As saídas neste tipo de embarcación arrincarán este sábado, 19 de xullo, e levaranse a cabo de forma ininterrompida durante as fines de semana de xullo e agosto (ata o domingo, 24 de agosto). Trátase dunha actividade “consolidada xa dentro do programa da Concellería de Turismo e que conta sempre cunha boas cifras de participación”, tal e como explica a concelleira da área, Estefanía Ramos.
Durante estas excursións, que teñen unha duración dunha hora e media, as persoas participantes teñen a oportunidade de viaxar no Mascato, un veleiro de 11 metros de eslora. Como apunta a edil, “falamos de viaxes case personalizadas ás que asisten un máximo de dez persoas para garantir que a experiencia sexa o máis individualizada posible”.
As saídas están previstas para os sábados e domingos de xullo e agosto, ofrecéndose as seguintes quendas: ás 11.00, ás 13.00, ás 17.00 e ás 19.00 horas.
As persoas interesadas en anotarse poderán facelo na Casa Mariñeira (parque do Castelo) ou no correo turismo@apobra.gal. Así mesmo, poderán solicitar máis información nos teléfonos 671 090 262, no 687 482 835 ou no 981 843 280 (extensión 2035).
Viaxe á illa de Sálvora
Ademais do comezo das incursións en veleiro, o Concello celebrará este domingo, 20 de xullo, unha excursión a Sálvora en catamarán como parte do programa de viaxes ás illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Neste caso, as persoas interesadas deberán realizar as súas reservas a través da páxina web www.piratasdenabia.com ou do teléfono 986 32 00 48.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.