Wednesday 16 de July de 2025

Máis de 250 efectivos participarán no dispositivo especial de seguridade por mor das festas do Apóstolo


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidiron a Xunta Local de Seguridade convocada para repasar os detalles do dispositivo especial por mor das festas do Apóstolo e na que tamén participou o concelleiro de Convivencia, Xan Duro. Máis de 250 efectivos da Policía Nacional participarán nese operativo “co obxectivo de garantir que a celebración das festas poida desenvolverse con seguridade e sen incidentes”.

A subdelegada do Goberno na Coruña foi a encargada de dar os detalles do dispositivo especial de seguridade, no que participarán máis de 250 efectivos da Policía Nacional. Segundo explicou María Rivas, no operativo participarán diferentes unidades da CNP, como aos guías caninos, os Tedax ou a UPR, así como as unidades de drons e antidróns. O dispositivo comezará o día 23 e manterase ata o día 26, con especial incidencia no día grande das festas, o 25 de xullo, coincidindo cos actos que concentran un maior número de persoas en Santiago. O reforzo notarase por toda a cidade, tamén nas vías de acceso e na estación intermodal, e podería ser incrementado no caso de ser necesario, tal e como apuntou a subdelegada do Goberno.

Puntos lila

A alcaldesa explicou que “este é un dispositivo no que Santiago xa ten unha ampla experiencia, e no que hai unha perfecta coordinación entre todas as Forzas e Corpos de Seguridade”.

Goretti Sanmartín tamén se referiu ao Punto Lila, que estará instalado na Alameda desde o 19 ao 31 de xullo, e que funcionará nun horario amplo “non só para atender denuncias senón tamén para divulgar información xeral ao respecto da violencia de xénero”.

A rexedora aproveitou a comparecencia para convidar os veciños e veciñas a sumárense á celebración do Apóstolo e en particular a dúas das primeiras citas das festas: o pregón do venres, a cargo de Blanca Millán, e a celebración do Día do Traxe, o próximo domingo.

Deja un comentario