Wednesday 16 de July de 2025

O Concello anima á cidadanía a denunciar ante a Xunta o deficitario servizo de transporte público


Ante as insultantes declaracións realizadas esta mañá nunha emisora de radio por parte da máxima responsable do transporte da Xunta de Galicia nas que dicía que “creemos que está funcionando correctamente”, “no hemos recibido quejas” ou “hemos dado respuesta a las demandas”; o Concello de Oleiros fai un chamamento a toda a cidadanía afectada polo pésimo servizo de transporte público na comarca da Coruña a que denuncie a situación ante a Xunta de Galicia. O correo electrónico ao que dirixir as denuncias é mobilidade.cim@xunta.gal e o teléfono é o 981 544 581.

O pasado mes de novembro o Concello de Oleiros solicitou varias melloras para o transporte público, que ata o momento foron desestimadas pola Xunta de Galicia. Reclamábase mellorar as frecuencias da liña Entrexardíns-O Seixal e a súa prolongación ata a Igrexa de Nós para atender a esta parroquia de 5.000 habitantes, que está sen servizo; implementar novas liñas para atender as zonas de Franzomel, Abeleiras e Xaz; e crear unha liña circular entre Perillo e a Universidade que funcionase nas horas de entrada e saída das aulas. Tamén se reclamaba reforzar as liñas principais, cando menos en horas punta. Especialmente a que cobre as parroquias de Dexo, Serantes, Maianca, Dorneda, Liáns e Perillo; e a que dá servizo a Oleiros, Montrove e Perillo e que debería reducir a súa frecuencia dos actuais 40 minutos a 20, nas horas de maior demanda.

Nos concellos de menos de 50.000 habitantes as competencias en transporte público son exclusivas da Xunta de Galicia. Unha parte importante dos problemas de tráfico e mobilidade poderían solventarse cunha mellora do servizo de transporte que nunca dá chegado, malia as constantes denuncias e demandas por parte do Goberno municipal de Oleiros e do conxunto da cidadanía.

Deja un comentario