
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, visitou a caseta que ofrece actividades de divulgación para todas as idades e tamén un servizo de préstamo de libros durante a tempada estival
Desde hai unha década, o Concello da Coruña instala na praia de Riazor unha caseta de Educación Ambiental co obxectivo de achegar ao público de todas as idades actividades de divulgación sobre o respecto á contorna natural.
Nesta edición, a instalación acolle unha exposición sobre a contaminación de plásticos no mar, ofrece actividades para todas as idades e conta cunha ‘biblioteca verde’ en colaboración co servizo de Bibliotecas Municipais.
“Cumprir 10 anos cun proxecto como este amosa o compromiso do Goberno de Inés Rey co obxectivo de achegar a educación ambiental a todos os públicos, a todas as idades e en todas as contornas”, destacou hoxe a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, quen lembrou que a programación da caseta é un dos aspectos destacados pola ADEAC para conceder a bandeira azul ás praias urbanas da Coruña.
A caseta estará operativa durante os meses de xullo e agosto en horario de mañá. Para acceder ás súas actividades hai dúas vías: por unha banda, calquera persoa pode achegarse á caseta, situada xunto á dos socorristas na praia de Riazor, a participar en actividades e talleres ou a tomar prestado un libro para a súa xornada de praia, mais tamén é posible reservar en liña actividades para grupos a través do correo electrónico educacionambiental@coruna.gal.
Este verán, as actividades que se ofrecen son moi variadas e todas teñen o respecto ao mar, á biodiversidade e o coidado da contorna como eixos condutores, desde xogos como a procura do tesouro ata talleres de manualidades con material reciclado. As actividades son impartidas por monitores formados en Educación Ambiental.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.