Tuesday 15 de July de 2025

O Festival Manicómicos celebrará a súa 24ª edición do 17 ao 20 de xullo en espazos públicos da Coruña


Esta iniciativa, que conta co apoio do Concello, ofrecerá espectáculos de alto nivel internacional de balde para a cidadanía

A Coruña acollerá do 17 ao 20 de xullo a edición número 24 do Festival Manicómicos, unha iniciativa cultura a pé de rúa que inclúe unha coidada programación de espectáculos teatrais e circenses ideados para todos os públicos. “Desde o Goberno de Inés Rey apostamos por iniciativas con experiencia e percorrido que dinamizan a nosa cidade estes meses de verán”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

Manicómicos presenta unha extensa e coidada programación para todos os públicos, como aperitivo perfecto previo ás festas de María Pita, con espectáculos de alto nivel internacional, e cun apoio incondicional ao circo galego. O Concello da Coruña apoia e colabora coa asociación cultural Manicómicos na realización deste programa de grande éxito todos os anos.

Haberá un total de 12 espectáculos abertos ao público en diferentes espazos da cidade como o paseo das Pontes, o Campo da Leña, a praza das Conchiñas, a praza de Pablo Iglesias ou a Casa das Ciencias. Ademais, o domingo 20 celebrarase a gran gala final no anfiteatro de Santa Margarida. Todas as actuacións son de balde.

A Asociación Cultural Manicómicos nace en xaneiro de 2004 na Coruña, promovida por un grupo de persoas con distintos niveis de experiencia nas artes escénicas e cun interese común: Investigar, estudar e difundir as artes escénicas e a comedia. Os seus obxectivos son a organización de cursos formativos para os seus asociados e para a cidadanía en xeral, que sirvan para un mellor coñecemento das diferentes técnicas actorais, así como a organización dun festival de teatro cómico de carácter anual na cidade, no que se poidan ver, xunto a novos artistas galegos, a primeiras figuras do panorama cómico internacional que ademáis imparten cursos durante o festival.

Programación do XXIV Festival Manicómicos
Xoves 17
● 18.00h | Paseo das Pontes – Rojo Telón: ‘Transir’
● 20.00h | Paseo das Pontes – Cía. Jimena Cavalletti: ‘B.O.B.A.S.’
● 22.00h | Paseo das Pontes – La Bella Tour: ‘La Bella Tour’
Venres 18
● 12.30h | Campo da Leña – Circo Eia: ‘La piedra de madera’
● 18.00h | Campo da Leña – Circocido: ‘Mayday’
● 20.00h | Campo da Leña – Maiclown: ‘Alone’
● 22.00h | Campo da Leña – Bucraá Circus: ‘El Gran final’
Sábado 19
● 12.30h | Praza das Conchiñas – Aitor Garuz-Pistacatro: ‘O autoestopista
intergaláctico’
● 18.00h | Praza de Pablo Iglesias – Cía. Yepa: ‘Signora Gomez’
● 20.00h | Praza de Pablo Iglesias – La Churry: ‘Woooow!’
● 22.00h | Praza de Pablo Iglesias – Cía. Maite Guevara: ‘Susto’
Domingo 20
● 12.30h | Casa das Ciencias – Assircópatas / Rogelio 3: ‘La Fète’
● 19.00h | Anfiteatro Sta. Margarida – Gala XXIV Festival Manicómicos

Deja un comentario