
As actuacións realizáronse en puntos de Fene, Perlío e no campo de fútbol de Perlío, coa instalación de varandas que melloran a seguridade
O programa de formación e emprego forma a 13 mozas e mozos na especialidade de tubaxe industrial, cun financiamento de case 450.000 euros
O Concello de Fene vén de destacar o labor do alumnado-traballador do obradoiro de emprego ‘Inicia VIII’, que nestas semanas está a executar diferentes actuacións de mellora en espazos públicos do concello. Entre os traballos realizados atópanse a fabricación e instalación de varias varandas metálicas en puntos estratéxicos de Perlío, Fene e no campo de fútbol de Perlío, co obxectivo de mellorar a seguridade peonil e a accesibilidade.
As intervencións enmárcanse nas prácticas profesionais do obradoiro, no que 13 mozos e mozas en situación de desemprego están a recibir formación na especialidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial, un perfil técnico con alta demanda no tecido industrial da comarca.
Formación con impacto no concello
A concelleira de formación e emprego, Ángeles Coira, valorou moi positivamente os resultados acadados: “Este programa é unha ferramenta moi valiosa, porque combina a cualificación profesional cunha experiencia práctica que repercute directamente na mellora dos espazos públicos e na seguridade da veciñanza”. A edil tamén destacou “a capacidade do obradoiro para dar resposta ás necesidades do territorio e ás demandas reais do sector industrial, ofrecendo oportunidades de futuro a mozas e mozos que queren traballar e formarse sen marchar da comarca”.
As clases prácticas e teóricas impártense na nave municipal que o Concello de Fene ten en San Marcos, acondicionada como espazo de formación. O obradoiro Inicia VIII está promovido polos Concellos de Fene, Ares, Cabanas e Mugardos, e conta cun financiamento de 448.967 euros da Xunta de Galiza no marco do programa de Garantía Xuvenil, dirixido a persoas de entre 18 e 30 anos en situación de desemprego.
O Concello de Fene aposta así por unha formación conectada co territorio, que contribúa á empregabilidade xuvenil e, ao tempo, á conservación e mellora dos espazos públicos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.