Tuesday 15 de July de 2025

O Concello de San Sadurniño prevé investir algo máis de 34.000 euros na mellora de varias pistas de Santa Mariña e Ferreira


A Administración local completa deste xeito os proxectos que se acollerán ao POS+ Adicional 02, que suporá unha achega de 209.000 euros

 

O Goberno local de San Sadurniño levará ao pleno ordinario do próximo 31 de xullo un proxecto para a mellora de tres camiños nas parroquias de Santa Mariña do Monte e Ferreira. O orzamento total da intervención ascende a 34.550,59 euros e inclúe cinco actuacións na Castiñeira, na Esperanza, nas Filgueiras e en Santiso, o que suporá ampliar en 1,2 quilómetros os arranxos en pistas municipais xa previstos para este ano. As obras financiaranse con cargo ao segundo programa adicional do POS+ da Deputación da Coruña, co que tamén se acometerán melloras noutras vías municipais. Unha vez superado o trámite plenario, o Concello licitará o proxecto de inmediato coas miras postas en que o procedemento e as obras -que sairán a contratación cun prazo máximo de execución de 4 meses- estean completados para inicios ou mediados do outono.

O proxecto responde á necesidade de renovar o firme de tres camiños en cinco puntos que presentan un desgaste importante debido ao uso e ao paso do tempo. Pistas que son esenciais para a conectividade entre lugares e para o acceso a parcelas agrícolas e forestais.

Así, na parroquia de Santa Mariña do Monte melloraranse dous tramos do camiño da Castiñeira -cun total de 510 metros- e un segmento de 200 metros da pista que discorre polo lugar da Esperanza. En Ferreira, as actuacións centraranse tamén en dous tramos danados da pista que baixa desde a Leiriña até Moeche, concretamente o comprendido entre os desvíos de Santiso e Lapas de Abaixo, de 325 metros de lonxitude, e o que vai desde o cruzamento das Filgueiras até o límite co concello veciño, de 210 metros. Tanto estes de Ferreira coma os de Santa Mariña teñen un ancho medio de entre 3,5 e 3,75 metros, ampliado en puntos como cruzamentos e accesos.

As obras comezarán cunha limpeza e reperfilado das cunetas co obxectivo de eliminar vexetación e sedimentos arrastrados pola chuvia. Logo repararanse os desperfectos existentes mediante a aplicación de grava compactada intercalada con tratamentos asfálticos. Nalgúns tramos deteriorados aplicarase un rego semiprofundo para garantir a regularidade da plataforma.

A fase final consistirá na extensión dunha nova capa de rodadura con dobre tratamento superficial de emulsión bituminosa e saburra, reforzada incluso un terceiro rego en zonas que o requiran. O proxecto tamén contempla actuacións complementarias como a reposición de accesos, desatoado de taxeas ou a mellora de sinalización.

O proxecto completará o orzamento consignado pola Deputación dentro do POS+ Adicional 02, que suporá unha achega de 209.000 euros. O Concello contaba xa con obras aprobadas por valor de 181.000 e preparou este novo paquete de intervencións para sufragalo cos 28.000 euros restantes. Deste xeito o Concello só tería que asumir os custes do ive do prezo final da obra.

Iso si, para que estas obras entren no POS+, antes será necesario aprobalas en pleno. Algo que, salvo imprevistos, ocorrerá na sesión ordinaria do último xoves deste mes de xullo. Unha vez superado este trámite, o Concello poderá licitar as obras. Sairán a contratación en 34.550,59 euros, impostos incluídos, sobre un prazo máximo de execución de catro meses. Ambas cifras, prezo e prazo, poderán verse reducidas nas propostas que presenten as empresas concursantes.

Todas as obras que sufragadas este ano con fondos provinciais do POS+ poden consultarse neste mapa de Google. Un recurso dispoñible na web municipal que o rexedor local, Secundino García Casal, quixo poñer en valor. “Pensamos que é importante informar á veciñanza dos proxectos previstos ou xa en marcha, por iso publicamos todos os anos un plano coas obras que se van executar. Sobre todo as do amaño de pistas, que son polas que máis se interesa a xente”, comentou o rexedor. “Toda a información está dispoñible na plataforma de contratación, pero desta maneira facémola máis visual e facilitamos que calquera veciña ou veciño poida facerse unha idea cunha soa ollada de que obras se fan e en que se invisten os recursos públicos. Creo que somos dos poucos concellos que o fan”, asegura García Casal.

Deja un comentario