Tuesday 26 de November de 2024

Medio Ambiente licita por 70.000 euros o contrato para o determinar o estado sanitario da ictiofauna dos ríos e dos centros ictioxénicos da Xunta


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe este contrato que conta con recursos do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe no Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/1o3EJoW) o contrato para a realización dos estudos necesarios para a determinación do estado sanitario das poboacións piscícolas dos ríos, dos procesos patolóxicos que poidan afectalas e das condicións sanitarias dos centros ictioxénicos da Xunta de Galicia, para a súa vixilancia e control, por un importe de case 70.000 euros.

Nos centros ictioxénicos dependentes da Xunta de Galicia é preciso contar con sistemas de prevención, diagnose e tratamento das patoloxías que se poidan presentar. A implantación destes sistemas require de estudos que inclúan técnicas analíticas cun grao de especialización que non está ao alcance dun centro de cultivo e requiren contar co apoio de laboratorios especializados.

Así, os estudos terán por obxecto a avaliación de riscos e a diagnose de patoloxías de orixe bacteriana, vírica, fúnxica ou parasitaria. Incluiranse tamén determinacións toxicolóxicas no marco de investigacións de mortaldades acontecidas no medio natural co fin de garantir a maior calidade sanitaria posible nas repoboacións piscícolas.

Na actualidade, na Comunidade galega cóntase con tres centros ictioxénicos, que se atopan en Carballedo (Pontevedra), O Carballiño (Ourense) e O Veral (Lugo). Deste xeito, os estudos a realizar nos centros ictioxénicos consistirán en:

a) Análise do estado sanitario dos reprodutores. Como mínimo, realizarase previamente á súa entrada no correspondente centro ictioxénico e en función de circunstancias sobrevidas, poderán establecerse novos controis durante a permanencia dos reprodutores no centro. Para estes estudos será preciso aplicar técnicas de mostraxe que non requiran o sacrificio dos animais.
b) Análise do estado sanitario da produción con destino á repoboación.
c) Análise do estado sanitario do centro de cultivo como consecuencia de incidencias (mortaldades anormais, baixo rendemento, sospeitas de patoloxías, etc) As mostras poderán ser de peixes enteiros ou tecidos.

No relativo ás poboacións piscícolas no medio natural, os estudos a realizar consistirán en:

a) Estudos periódicos do estado sanitario das poboacións salvaxes a partir de mostras obtidas no medio natural e remitidas ao contratista.
b) Análise sanitaria e toxicolóxica para a investigación de mortaldades ou outras incidencias acontecidas no medio natural.

A duración do contrato establécese en 18 meses. Neste período estímase que o número de análises a realizar no marco do estudo será o seguinte:

a) análises virolóxicas para identificación de presenza ou ausencia de un virus con relevancia en ictiopatoloxía.
b) análises bacteriolóxicas, incluíndo antibiograma das cepas illadas.
c) análises parasitolóxicas e fúnxicas, con identificación das especies illadas.
d) análises toxicolóxicas, coas especificacións técnicas que o contratista sinale na súa oferta.

Os interesados en participar neste contrato público dispoñen dun prazo de 15 días para presentar as súas ofertas.