
A rapazada da Aldea de Verán de San Sadurniño participou esta mañá nas actividades da campaña de educación ambiental itinerante “Separa. Depende de ti”, promovida por SOGAMA. Xogos moi entretidos para concienciarse -e aprender- sobre a importancia de reducir, reutilizar e reciclar, aínda que esta iniciativa está máis enfocada nos denominados “impropios”, é dicir, aqueles refugallos que, por erro ou descoñecemento da poboación, acaban introducidos no contedor equivocado, limitando, e en moitos casos imposibilitando, a reciclaxe do resto dos materiais.
Co obxectivo de resolver dúbidas entre a xente miúda, SOGAMA recorreu a un concepto visual tan coñecido como é o das manchas, transmitindo a mensaxe de que separar residuos é tan sinxelo como non mesturar cores.
Para isto, a carpa instalada fronte ao patio cuberto do CPI de San Sadurniño -base da Aldea de Verán- contaba con 5 urnas representativas dos contedores habituais nas que as nenas e nenos podían atopar, de forma maioritaria, bólas da mesma cor do recipiente e outras de cores diferentes. Unha vez identificadas estas últimas, e logo de completar o itinerario establecido, poñían a proba os seus coñecementos sobre reciclaxe, tendo a oportunidade de facerse con distintos premios.
A actividade completábase con distintos paneis informativos sobre a recollida diferenciada de residuos, a través dos cales se pretendía incentivar a colaboración cidadá, amosando os beneficios da reciclaxe, tanto para o medio ambiente como para a saúde, a calidade de vida e a propia economía.
Listado provisional da quenda de agosto da Aldea de Verán
Por outra banda, esta mañá tamén se publicou a lista provisional de admisións para a quenda do mes de agosto do campamento de conciliación. Houbo 8 solicitudes novas, todas elas admitidas, que se suman ás 23 xa presentadas en xuño durante o primeiro período de peticións aberto polo Concello.
A lista pode consultarse no tablón de anuncios da web municipal. As familias teñen até o xoves, día 17 de xullo, para presentar calquera alegación que consideren. Superado ese prazo sen que se presente ningunha obxección -o máis seguro- o listado elevarase a definitivo e as familias poderán efectuar xa o pagamento da matrícula segundo a modalidade de servizo elixido.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.