
• Presentan un escrito esixindo a retirada inmediata da instrución do alcalde que limita o acceso dos edís aos técnicos municipais
• “Queren impedir que sigamos sendo útiles aos veciños e que poñamos en evidencia a súa incompetencia”, di a portavoz popular
O Partido Popular de Culleredo presentou un escrito #ante o rexistro municipal esixindo a retirada inmediata da instrución asinada polo alcalde José Ramón Rioboo o pasado 8 de xullo, mediante a cal se impón agora un protocolo ríxido para que os concelleiros soliciten reunións cos técnicos municipais. Segundo esta nova norma, os encontros deberán tramitarse exclusivamente a través da Secretaría da Alcaldía, por correo electrónico, especificando o tema, o servizo requirido e a data, e poden tardar ata cinco días hábiles en tramitarse.
A portavoz do PP, Izaskun García, considera que esta medida non responde a unha necesidade organizativa, senón que é “un paso máis na estratexia do alcalde para dificultar o labor de control que lle corresponde á oposición e para reforzar a blindaxe dun goberno municipal cada vez máis opaco”. “En Culleredo non existen precedentes deste tipo de manobras políticas. Este é o estilo de goberno do señor Rioboo: restrinxir, centralizar e blindarse fronte ao control democrático”, engade.
Os populares lembran que o dereito dos concelleiros para acceder á información está recollido na Lei de Bases do Réxime Local e o Regulamento Orgánico Municipal. “Limitar ese acceso de forma arbitraria pode ser ilegal se se utiliza para condicionar a fiscalización do goberno, e neste caso parece claro que ese é o obxectivo. A transparencia non pode depender do nerviosismo do alcalde #ante a crítica”, afirma a portavoz.
No seu escrito, o PP advirte que esta instrución non ten base legal, xa que os artigos 14 e 15 do Real Decreto 2568/1986 e o artigo 20 do Regulamento Orgánico Municipal xa regulan o acceso á información e a relación cos servizos técnicos sen necesidade de autorización expresa. “Non fai falta unha instrución para o que xa regula a lei; o que molesta ao alcalde é que cumpramos co noso deber”, recalca García. “Non somos culpables do colapso do Concello nin de que os seus servizos estean desbordados. A causa está no caos interno e a falta de persoal, non nas preguntas da oposición. Cando un veciño vén cun problema e acompañámoslle a falar cun técnico, resolvémolo porque nós si escoitamos e actuamos. Iso é o que o alcalde quere impedir: que sigamos sendo útiles e que poñamos en evidencia a súa incompetencia”, asegura.
O PP de Culleredo denuncia que a instrución pretende, ademais, marcar “días, horas e temas” para reunirse con funcionarios, o que supón unha coartada burocrática para limitar e fiscalizar o traballo de representación que a lei recoñece a todos os concelleiros. “Valoramos os procedementos regrados, pero a ineficiencia do equipo de goberno non pode xustificarse limitando os dereitos democráticos da oposición”, conclúe a portavoz popular.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.