Monday 14 de July de 2025

O Concello celebra o terceiro ano da renovación de BiciCoruña coa instalación de 13 novas estacións


A pasada fin de semana cumpríronse tres anos desde a primeira renovación do servizo, completada en xullo de 2022. Agora, BiciCoruña conta con máis de 15.000 persoas usuarias, cinco veces máis que entón

A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe dos últimos avances no servizo municipal BiciCoruña, que actualmente conta con 49 bases activas e desde hai semanas está inmerso nunha nova fase de expansión, que permitirá sumar novas estacións en barrios como o Castrillón, Novo Mesoiro, Monelos, Monte Alto, Pedralonga, Palavea, os Rosales e o Barrio das Flores. Tamén en Lonzas e nos parques de Bens e Vioño. Rey, acompañada esta mañá pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou á importancia desta medida, fundamental para dar resposta ás demandas dos diversos distritos da cidade e, desta forma, fomentar a mobilidade sostible e o uso de vehículos non contaminantes no conxunto do termo municipal.
“Nestes últimos meses traballouse arreo para definir as localizacións das novas estacións, un proceso que require un arduo traballo no que se teñen en conta factores como os fluxos de mobilidade das veciñas e veciños, as bases que corren máis risco de saturación, a necesidade ou non de executar obra civil, tamén se hai subministración eléctrica ou non nas proximidades. Son varios os aspectos que temos en conta á hora de actuar”, explicou Rey.

A día de hoxe, son 13 as novas bases que xa se atopan na antesala previa á súa posta en marcha. Cada unha delas, a expensas de procesos administrativos ou técnicos, como é habitual nestas cuestións. Hai varias estacións, por exemplo, nas que se están a ultimar os trámites de contratación da subministración eléctrica. É o caso das novas bases dos Rosales, Novo Mesoiro (2), a praza da Concordia, Monelos e Pedralonga.

Noutras bases que xa son visibles na rúa, mais que aínda non están activas, como pasa en Palavea, Vioño, a rolda de Monte Alto e a urbanización do Birloque, hai tarefas pendentes en materia de sinalización e tamén no referente ás probas de integración no sistema. “Son cuestións técnicas que a miúdo pasan desapercibidas a ollos da cidadanía, mais que son fundamentais para que as estacións entren en funcionamento a pleno rendemento e con todas as garantías”, razoou a alcaldesa.

Primeiras bases de BiciCoruña con subministración de enerxía solar

Unha pequena parte destas 13 novas bases funcionarán con enerxía solar. Son estacións 100% autosostibles que, con esta subministración de enerxía renovable, garanten o funcionamento do seu sistema de comunicación e control.

Ademais, contarán con algunhas vantaxes específicas. Por exemplo, que son máis sinxelas de quitar e poñer da súa localización, o que facilitaría o seu desprazamento a outros puntos da cidade se, chegado o momento, fose necesario.

Entre as bases que contarán con subministración de enerxía solar están as do parque de Vioño e a da rolda de Monte Alto, entre outras.

Outras estacións, en fase de montaxe en taller

Máis alá destas 13 bases xa máis avanzadas, o Concello traballa en paralelo para incorporar outras estacións novas ao abeiro do plan de expansión previsto pola cidade.
Neste sentido, hai algunhas bases que actualmente están en fase de montaxe en taller. Por exemplo, a primeira que se habilitará no barrio de Xuxán, outra que se habilitará na Agra do Orzán e tamén tres bases que se instalarán na Gaiteira, Os Castros e a carón do Fórum Metropolitano, entre outras.

A rede ciclable da cidade supera xa os 56 quilómetros

Inés Rey recalcou esta mañá que BiciCoruña segue a gañar peso na mobilidade da cidade.
Así o referendan os datos do pasado mes de xuño, cando o servizo chegou por primeira vez na súa historia a máis de 160.000 viaxes mensuais e bateu o récord de usos nunha mesma xornada, con máis de 7.000 nun día.

“Isto quere dicir que hai demanda e, cada vez, máis persoas que apostan por BiciCoruña para moverse pola cidade. A día de hoxe, o servizo conta con máis de 15.000 persoas usuarias, seis veces máis que as que había cando renovamos o sistema hai tres anos”, apuntou Rey, que incidiu en que “non habería tantas persoas movéndose en bicicleta pola cidade se non se ampliasen as infraestruturas para facelo”. Neste sentido, A Coruña dispón a día de hoxe de 56 quilómetros de rede ciclable. É máis do dobre da que había no ano 2019, cando había 23.

Mapa Coruña Minuto

“Dar a coñecer estes percorridos e fomentar o seu uso é fundamental”, apuntou Rey, que destacou que o Concello pon a disposición da cidadanía ferramentas como o mapa Coruña Minuto, que amosa moitos dos trazados e das rúas peonís da cidade e contribúe a incentivar a mobilidade peonil entre os diversos distritos da cidade destacando os tempos de percorrido a pé.
“Á visibilización de trazados como a Rolda Peonil sumamos tamén a situación das bases de BiciCoruña operativas e previstas a futuro. Que buscamos con isto? En primeiro lugar, reforzar o concepto da Coruña como unha cidade idónea para percorrer a pé, bicicletas ou VMP. E, por outro lado, seguir a impulsar a mobilidade sostible polo interior da cidade e os seus barrios, porque estamos a amosar que hai alternativas ao uso do vehículo particular para desprazarse pola Coruña”, precisou.

A este respecto, neste primeiro semestre, o uso de BiciCoruña evitou a emisión de 408 toneladas de CO2 á atmosfera. No 2024, foron 705. “Se conseguimos, pouco a pouco, incrementar esta cifra, estaremos poñendo o noso gran de area para mellorar a cidade e, pensando en colectivo, tamén o noso planeta”, concluíu Rey.

Deja un comentario