Monday 14 de July de 2025

A segunda edición de ‘A Coruña, que bonito!’ conta con 28 propostas gastronómicas elaboradas con bonito da Lonxa


Desde hoxe e ata o 17 de agosto diferentes establecementos hostaleiros ofrecerán elaboracións con este peixe, impulsando o consumo de proximidade

O Mercado de San Agustín acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición das Xornadas Gastronómicas ‘A Coruña, que bonito!’. A iniciativa, organizada polo Concello e posta en marcha polo Goberno de Inés Rey, persegue tres obxectivos claros: poñer en valor a excepcional calidade do produto, potenciar o turismo gastronómico na cidade e apoiar o sector da restauración. Esta edición conta cun total de 28 establecementos participantes que desde hoxe, e ata o 17 de agosto, ofrecerán no seu menú unha ou varias elaboracións co bonito da Lonxa da Coruña como protagonista.

As xornadas foron presentadas nunha rolda de prensa que tivo lugar na planta baixa do Mercado de San Agustín. O acto contou coa participación do concelleiro de Turismo, Gonzalo Castro; Pablo Gallego, representante de Coruña Cociña; Sergio Castellanos, responsable de Relacións Públicas de Hijos de Rivera, e numerosos chefs que participan nesta iniciativa. Gonzalo Castro destacou na súa intervención “o enorme potencial gastronómico da Coruña e a importancia de darlle o valor que merece” e resaltou que estas xornadas “son tamén unha marabillosa oportunidade para presumir non só de produto, senón tamén do talento dos nosos cociñeiros e cociñeiras, referentes a nivel nacional”.

Esta edición conta con récord de locais participantes, cun total de 28 establecementos localizados en diferentes zonas da cidade. Como novidade, nesta edición os establecementos poderán elaborar varias propostas diferentes co bonito da Lonxa da Coruña como produto central, e contarase cun total de 37 pratos diferentes. Ademais, algúns dos establecementos inclúen a recomendación dunha maridaxe con cervexas 1906 Estrella Galicia, entidade colaboradora.

Os 28 establecementos participantes nas xornadas son: A Pulpeira de Melide, Arraigo, Cantón 23, Charlatán, Cosecha 81, Culuca, Golosía, Greca Bar, Intenso, La.Con.Fusión, La Sifonería Gastrobar, La Teresa, Mesón de Herves, Miga, Millo Orzán, Pablo Gallego Restaurante, Peculiar, Pracer, Restaurante Esencia, Restaurante La Marola – Hotel Zenit Coruña, Restaurante Morriña, Salitre, Taberna 5 Mares, Taberna da Galera, Taberna da Tabacalera, Terreo Cocina Casual, Tienda A Mundiña e Ultramarinos Galera.

Estas son as diferentes propostas de cada restaurante:
● A Pulpeira de Melide: Tartar de bonito e ovo frito / Bonito medio asado, allo branco e cereixa.
● Arraigo: Tartar de bonito con emulsión de tomate e pexego / Bonito con escuma de fiúncho, espinacas e piñóns.
● Cantón 23: Bonito asado, patacas e salsa de marmitako.
● Charlatán: Bonito curado, gaspacho de cereixas e menta chocolate. Recomendada maridaxe cunha 1906 La Pelirroja.
● Cosecha 81: Zorza de bonito / Lingote do norte.
● Culuca: Bonito á brasa con escabeche de cenoria. Recomendada maridaxe cunha 1906 La Pelirroja.
● Golosía: Bonito e larpeiro.
● Greca Bar: Lombo de bonito curado con allo branco e verduras de tempada.
Recomendada maridaxe cunha 1906 La Milnueve.
● Intenso: Bonito curado, sopa de yuzu e mandarina. Recomendada maridaxe cunha 1906 La Pelirroja.
● La.Con.Fusión: Rolo recheo / Bonito con pisto.
● La Sifonería Gastrobar: Tataki de bonito e nectarina.
● La Teresa: Marmitako de bonito. Recomendada maridaxe cunha 1906 La Milnueve / Tataki de bonito con gaspacho de cereixas e aceite de alfábega.
● Mesón de Herves: Tomate confeitado con bonito do norte, froitas de verán e améndoa / Bonito do norte salteado con salsa ponzu, chícharo e alioli / Lombos de bonito do norte con tomate, pataca nova e a súa allada.
● Miga: Bonito do norte con tomates. Recomendada maridaxe con 1906 La Milnueve.
● Millo Orzán: Bonito e amorodos. Recomendada maridaxe cunha 1906 La Pelirroja.
● Pablo Gallego Restaurante: Bonito con trigo e pico de galo. Recomendada maridaxe cunha 1906 La Milnueve.
● Peculiar: Bonito curado en auga de mar, escabeche lixeiro e mostazas eco. Recomendada maridaxe cunha 1906 La Milnueve.
● Pracer: Bonito curado, tomate confeitado e licuado de acelga ecolóxica.
Recomendada maridaxe con 1906 La Milnueve.
● Restaurante Esencia: Tartar de bonito con mazá ácida. Recomendada maridaxe con 1906 La Milnueve.
● Restaurante La Marola – Hotel Zenit Coruña: Croqueta tenra de ventresca de bonito con alioli de lima / O noso pan brioche con tartar de bonito e emulsión de xema curada / Lombo de bonito á prancha con salsa elaborada coas súas espiñas e crema lixeira de boletus confeitados / Semiesfera de mousse de vainilla con infusión de amorodos e menta. Recomendada maridaxe cunha 1906 La Milnueve.
● Restaurante Morriña: Bonito á brasa con verdura de tempada. Recomendada maridaxe cunha 1906 La Milnueve.
● Salitre: Bonito con emulsión de escabeche branco.
● Taberna 5 Mares: Bonito medio asado con aliño de salpicón, piparra fritida e conservas en vinagre.
● Taberna da Galera: Gilda de bonito e piparra con salsa ponzu.
● Taberna da Tabacalera: Bonito á brasa con escalivada e puré de batata.
● Terreo Cocina Casual: Bonito medio asado con mollo de algas. Recomendada maridaxe con 1906 La Milnueve.
● Tienda A Mundiña: Bonito curado e afumado con alloverde de pistachos.
● Ultramarinos Galera: Ceviche de bonito ao estilo peruano. Recomendada maridaxe cunha 1906 La Pelirroja.

Deja un comentario