
A Xunta de Goberno acordou o alleamento, mediante concurso con procedemento aberto, de catro parcelas do patrimonio municipal do solo destinadas polo planeamento urbanístico ao uso de vivenda protexida. Desta asunto e doutros aprobados polo executivo municipal deu conta a súa voceira, Míriam Louzao, en rolda de prensa.
Louzao indicou que este alleamento “permitirá materializar o destino de vivenda protexida que teñen estas parcelas de acordo co planeamento urbanístico e por tanto incrementar a curto prazo a oferta de vivenda a prezos accesibles no noso municipio, onde o mercado residencial experimentou un encarecemento moi significativo na última década, e ao mesmo tempo permitirá rematar pezas urbanas que permanecen incompletas anos despois do seu desenvolvemento”.
O número total de vivendas estímase en torno a 152 e os pregos que rexen a transmisión dos bens aseguran o seu destino para uso de vivenda protexida e o cumprimento dos prazos de urbanización e edificación, lembrou a concelleira. As adxudicatarias deberán destinar as vivendas que constrúan a persoas que cumpran os requisitos establecidos na normativa para vivendas protexidas e deberán respectar os prezos máximos de venda ou alugueiro.
Dado que o solo está cualificado para vivenda protexida, sinalou a voceira, “as ulteriores transmisións das vivendas non poderán superar os prezos máximos fixados legalmente para as vivendas protexidas (coas actualizacións que permita a normativa)”. Ademais, consignarase o dereito de tenteo e retracto a favor do Concello e da Administración autonómica.
A valoración das parcelas foi realizada por un arquitecto municipal, de acordo coa lexislación, considerando que o seu alleamento non se pode producir por un prezo inferior ao do seu aproveitamento urbanístico. Trátase dun contrato privado de natureza patrimonial que se rexe, polo tanto, pola lexislación patrimonial e está excluído do ámbito de aplicación da Lei de contratos agás en cuestións relativas ao procedemento do concurso.
Unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia as persoas ou entidades interesadas terán un prazo de 45 días naturais para presentaren as súas ofertas. Durante este mesmo prazo tamén se poderán presentar alegacións ao expediente. A edila fixo fincapé na incorporación de criterios de eficiencia enerxética na valoración das ofertas, co que se busca “promover a utilización de solucións construtivas que reduzan o impacto da construción tanto na fase de execución como na fase de utilización dos edificios. O certificado Passivhaus é un estándar internacional de construción que garante un consumo enerxético case nulo dos edificios”.
Se o concurso, indicou Louzao, que seguidamente tramitará o Servizo de Contratación a través da plataforma de contratos do Estado, quedase deserto, poderán allearse directamente dentro do prazo máximo dun ano nas mesmas condicións da convocatoria.
As parcelas incluídas no concurso son as seguintes:
PARCELA PR-4 DO SUNP-4 DAS CANCELAS
Integrante do proxecto de compensación do SUNP-4 do Camiño Francés e situada na rúa de Vicente Risco
Superficie: 1.290,67 m2
Edificabilidade: 2.104,66 m2 (estímanse 18 vivendas)
Valoración: 1.163.760,15 € (+ IVE 244.389,63 = 1.408.149,78 €)
PARCELA UR5 DO SUNP-5 DA MUÍÑA
Integrante do proxecto de expropiación do SUNP 5 da Muíña e situada na rúa da S.D. Compostela.
Superficie: 3.630 m2
Edificabilidade: 7.257 m2 (máximo de 62 vivendas)
Valoración: 2.963.506,39 € (+ IVE 622.336,34 = 3.585.842,73 €)
PARCELA ER1 DO SUNP-14 DO TRAS PAXONAL
Integrante do proxecto de expropiación polo procedemento de taxación conxunta do SUNP-14 TRAS PAXONAL, situada na rúa de Agustín Sixto Seco
Superficie: 1.250 m2
Edificabilidade: 4.377 m2 (máximo 33 vivendas)
Valoración: 745.502,82 € (+ IVE 156.555,59 € = 902.058,41 €)
PARCELA ER7 DO SUNP-14 DO TRAS PAXONAL
Integrante do proxecto de expropiación polo procedemento de taxación conxunta do SUNP-14 TRAS PAXONAL, situada na rúa de Agustín Sixto Seco
Superficie: 1.280 m2
Edificabilidade: 4.582 m2 (máximo 39 vivendas)
Valoración: 1.278.323,90 € (+ IVE 268.448,02 = 1.546.771,92 €)
Míriam Louzao tamén anunciou que “a maior parte dos ingresos previstos polo alleamento destas parcelas destinaranse á adquisición e rehabilitación de edificios para uso de vivenda pública. Desta forma conseguiremos que non haxa só vivenda protexida na periferia da cidade, senón que tamén a haxa no centro, e que non se promova só a través da obra nova, senón tamén a través da rehabilitación”. A concelleira lembrou a este respecto que “o patrimonio municipal do solo é un patrimonio separado e o seu destino, e por tanto tamén o destino dos ingresos obtidos a través do alleamento dos bens que o integran, está regulado no artigo 134.1 da Lei do solo de Galicia”.
Outros asuntos
No ámbito da contratación tamén se adxudicou a subministración de uniformidade e medios técnicos para a Policía Local, á empresa SAGRES SL, ao ser a única oferta presentada e reunir os requisitos esixidos nos pregos da licitación.
A licitación inclúe dous lotes. O primeiro, de uniformidade, por un importe máximo para este exercicio de 153.850 euros e outro tanto para 2026. O segundo, de medios técnicos, cun importe máximo de 46.149 € para cada un destes exercicios. O orzamento total dedicado a este contrato é, polo tanto de 400.000 euros en números redondos.
No procedemento de concurso, a empresa licitadora ofreceu os prezos unitarios de cada elemento, que se facturarán segundo as necesidades que se vaian atendendo. Os elementos están clasificados segundo a súa intensidade de uso de cara á previsión de gasto que se poida realizar.
Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno deulle o seu visto e prace á proposta de estratexia de infraestrutura verde e adaptación ao cambio climático de Santiago de Compostela, elaborado no marco do proxecto ‘Entre Sar e Sarela’, que conta con financiamento dos fondos Next Generation da Unión Europea a través da convocatoria de 2022 da Fundación Biodiversidade e que inclúe actuacións dirixidas á renaturalización e resiliencia, o que converte Santiago “na primeira cidade galega en ter unha estratexia de infraestrutura verde local”. A Unión Europea define a infraestrutura verde como unha rede estratexicamente planificada de zonas naturais e seminaturais de alta calidade, deseñada e xestionada para ofrecer o maior número posible de servizos ecosistémicos e protexer a biodiversidade, tanto en contornos rurais como urbanos.
“Esta iniciativa inscríbese, polo tanto, no marco das políticas ambientais europeas, estatais e autonómicas destinadas a frear a perda de biodiversidade, fomentar a conectividade ecolóxica e incrementar a resiliencia dos territorios fronte ao cambio climático” sinalou Louzao, que lembrou que Compostela participou na convocatoria de axudas para a implementar unha estratexia de renaturalización urbana e fluvial e desenvolver cinco proxectos de actuación concreta, dentro dese marco, obtendo unha axuda de 3.228.069 euros.
As actuacións concretas, que xa están en marcha son:
Barrio verde da Pontepedriña
Naturalización da lagoa do Auditorio de Galicia
Restauración ambiental e creación do laboratorio vivo-urbano agroecolóxico no xardín botánico.
Recualificación e recuperación ambiental da área verde do barrio de Cornes
Restauración ecolóxica e fomento da biodiversidade no monte periurbano do Viso
“Todas elas van servir, dalgún xeito, de piloto ou modelo para futuras intervencións no marco da estratexia”, sinalou.
O borrador de documento que hoxe se aprobou foi redactado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), da USC, en coordinación co persoal técnico do Concello e do Consorcio da Cidade. A partir deste documento inicial ábrese un proceso de participación e contraste de cara á súa redacción definitiva. “Hoxe mesmo vaise presentar ao conxunto da Corporación e durante os próximos días haberá tamén reunións cunha representación de diferentes sectores. Están xa convocados tres grupos de traballo que se reunirán no Centro de Interpretación dos Parques e Xardíns (CIPX) esta mesma semana”, indicou: co tecido económico e sectores relacionados co turismo e co patrimonio; co rural; e con asociacións veciñais, sociais e ecoloxistas.
Finalmente, no ámbito das subvencións, aprobouse a convocatoria das axudas á realización de actividades de promoción e dinamización comercial por parte de asociacións de comerciantes ou entidades representativas de pequenas e medianas empresas comerciais legalmente constituídas, de carácter local e sen fin de lucro.
Esta convocatoria ten unha dotación de 85.000 euros e cada axuda pode alcanzar o 80% do orzamento dos gastos subvencionables, co límite de 35.000 euros por cada entidade solicitante.
O prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles que se contarán desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
Tamén se aprobaron varios convenios de colaboración que rexen subvencións nominativas previstas no orzamento para este ano:
Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, pola contía de 10.000 €.
Asociación Banco de Alimentos de Santiago, cun importe de 5.000 €.
Instituto de Educación Secundaria Rosalía de Castro para o Bacharelato Internacional, cunha dotación de 6.208 €.
Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui para o financiamento do programa “Vacacións en Paz 2025”, cun importe de 8.000 €.
Fundación Universidade de Santiago de Compostela, para o programa VeránCampus USC, pola contía de 9.000 €.
Asociación Cultural Correlingua, por importe de 4.000 euros.
Asociación Cultural Rocha Forte, por importe de 5.000 €.
Club Victoria de Santiago de Compostela, por valor de 14.000 €
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.